Remarca a súa colaboración institucional para que manteña a súa sede en Monforte, e propón a cesión de parte das instalacións en desuso do Pazo de Tor e as 200 hectáreas deste recinto
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) durante a súa visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Monforte de Lemos.
González destacou a importancia de atender ás necesidades operativas do Craega para garantir o desenvolvemento do seu traballo. Neste contexto, propuxo o Pazo de Tor como unha «alternativa fantástica» para a sede institucional do consello regulador, e instou á Deputación de Lugo e ao Concello de Monforte a cederen estas instalacións.
«É o momento de falar con feitos e respaldar o traballo que está desenvolvendo este organismo», subliñou González, enfatizando o apoio do goberno autonómico á permanencia da sede do Craega na cidade de Monforte.
Para potenciar o proxecto do Craega en Monforte, o conselleiro ofrecéu as instalacións do CFEA como plataforma de transferencia de investigación ao sector e como soporte de formación continua para agricultura e gandaría ecolóxica.
González sinalou a importancia do Craega na promoción da produción ecolóxica en Galicia e destacou o respaldo da Xunta á calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios, como evidenciado polo recente investimento de 9,5 millóns de euros no Plan de promoción de produtos agroalimentarios de calidade diferenciada para 2024.
Na súa visita ao CFEA de Monforte, o conselleiro resaltou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas dos centros de formación de Medio Rural, incluíndo o de Monforte de Lemos. Este centro, que cumpre medio século dende a súa creación, é unha referencia na formación para os sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería e industria alimentaria.
Pola súa parte, a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, e a deputada autonómica, Raquel Arias, acompañadas de alcaldes e voceiros do PP dos diferentes concellos da comarca de Lemos, que son Monforte, Pantón, Sober, O Saviñao, Bóveda e Pobra do Brollón, manifestaron a súa vontade de defender a permanencia do CRAEGA en Monforte, algo para o que se presentarán mocións nos plenos de todos os concellos da comarca de Lemos. Neste senso, a deputada autonómica Raquel Arias afirma que “os servizos que xa temos hai que defendelos para garantir a súa continuidade para así acadar un equilibro territorial polo que, como non pode ser doutro xeito, apoiamos a continuidade do CRAEGA en Monforte”.
Pola súa banda, a voceira do PP de Monforte Katy Varela, recorda que tanto na Deputación como no concello monfortino defendéronse sendas iniciativas para que a Deputación de Lugo non dea as costas a unha entidade como o CRAEGA e permita empregar os edificios en desuso e as 200 hectáreas de terreo do Pazo de Tor que están abandonadas para poder desenvolver os proxectos desta entidade. “Non habería nada máis positivo que a continuidade do CRAEGA no noso municipio dando uso a estes edificios e terreos abandonados”, defendeu.•