Estudo antropolóxico da arte do esgrafiado galego

Mar López Sotelo

Directora da Área de Historia e Antropoloxía
Instituto Europeo Campus Stellae

A I Xornada Antropolóxica do Esgrafiado Galego tivo lugar o 16 de marzo no CIMAR de O Courel Mountains Unesco Global Geopark coa colaboración do seu presidente, Roberto Castro, e organizada polo Instituto Europeo Campus Stellae. O evento foi un fito importante para a comunidade científica e educativa da Ribeira Sacra e do Camiño de Inverno, xa que permitiu, a través de Radio Monforte, a transmisión das miñas teses sobre a arte do Esgrafiado Estilo Gallego: (1) A simboloxía do esgrafiado galego ten grandes similitudes coa arte rupestre e a arte esquemática; (2) A súa influencia histórica e cultural atopámola na arte románica; (3) Canteiros e pintores foron os artífices destas obras de arte nas edificacións do rural galego; (4) O esgrafiado galego conforma un museo ao aire libre cun patrón estético institucionalizado de natureza espontánea ao longo da Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago.
Facendo fincapé na cuarta tese, e segundo a definición da RAE, a Antropoloxía é un conxunto de ciencias que estudan os aspectos biolóxicos, culturais e sociais do ser human. Do grego anthropos («ser humano») e logos («coñecemento»), podemos facer un pequeno percorrido pola Antropoloxía Lingüística, que estuda como se estrutura culturalmente o ser humano a través da linguaxe e como inflúe no seu contexto social e no seu desenvolvemento; coa Antropoloxía Social e Cultural, que é a ciencia da cultura humana e do estudo das culturas en toda a súa complexidade; e coa Antropoloxía Urbana, que me permitiu a investigación dentro dos espazos urbanos para descubrir o seu pasado material e o seu desenvolvemento.

Mostra de esgrafiado galego nun edificio de. Figueiredo, no concello de Ribas de Sil. (Foto cedida: Mar López Sotelo)

A Antropoloxía é unha maneira de xerar coñecemento estudando distintas sociedades, culturas e ás persoas que as compoñen. Os antropólogos utilizan o coñecemento producido a través dos seus estudos para deseñar solucións a problemáticas sociais, e contribúen a crear programas de intervención para mellorar a convivencia. Así, a Antropoloxía convértese na capacidade do ser humano de aceptar ao outro sen querer cambialo.
Na arte do Esgrafiado en Galicia atopámonos con figuras enigmáticas feitas por mestres artesáns que serven como instrumento adecuado para almacenar e transmitir información sobre o mundo social e natural no que a súa vida atopaba sentido, así como a vontade de que perduraran no tempo. Círculos concéntricos, punteados, figuras antropomorfas, zoomorfas e vexetais, corazóns, cruces, etc., son fragmentos mudos de antigas narracións que debemos poñer en valor e preservalas para as xeracións vindeiras.
Co estudo dos Petróglifos de Campo Lameiro en Pontevedra, constatamos como a Arte Rupestre puido evolucionar ata o Esgrafiado Galego e, segundo a miña primeira teoría, relaciónanse en como as culturas tradicionais adoitan evocar as raíces da identidade dun pobo nas súas expresións artísticas.
Desde épocas pasadas, a apropiación cultural transfórmase e flúe no tempo, dando lugar a unha circulación xeográfica incontrolada. Na actualidade, a globalización está a permitir a difusión de producións culturais a gran escala que traspasa fronteras; esa foi a razón pola que fago uso das redes sociais, blog, Radio Dixital e iste medio de comunicación, En Común – Crónica do Sur de Lugo, tamén por escrito, para favorecer o coñecemento e recoñecemento desta nova arte que está vendo a luz en datas recentes.

Partindo da base da mencionada motivación, nas expresións artísticas da Arte Rupestre observamos que, nalgúns casos, hai unha forte carga máxico-relixiosa co fin de favorecer a caza, a reproducción, etc. No Esgrafiado Estilo Galego cada símbolo debe representar un ou varios conceptos que, á primeira ollada para aqueles primeiros observantes, deberían ser de fácil entendemento. Posiblemente a realidade sexa máis complicada pero, si é a clave para deducir que a intención non só era a protección ou a ostentación, que tamén, senón que ademais querían dar unha mensaxe a todos os que pasaban por diante destas fachadas, como unha especie de gramática simbólica que se entendería a golpe de vista.
Do traballo desenvolvido no CIMAR, destacamos a posta en marcha dunha rede local de traballo espontánea e voluntaria que creceu ao mesmo tempo que se extendía a idea do Xeoparque, e que permitiu mellorar o coñecemento, inventariar, investigar, comunicar e protexer o patrimonio cultural e natural das montañas de O Courel. Como aconteceu co Esgrafiado Galego e segundo o experto Ramón Vila Anca, “os fornos de cal, como non podía ser doutra maneira, non foron alleos a esta onda xigante de información que circulou e circula desde unha poboación ás persoas responsables de redactar os inventarios”.

A investigadora Mar López Sotelo, co presidente do CIMAR de O Courel Mountains Unesco Global Geopark, Roberto Castro, diante dunha mostra de esgrafiado na Ferrería de Rugando (F. cedida: MLS).

Segundo o nivel adquisitivo do propietario das edificacións, observamos decoracións máis elaboradas, cuxa intencionalidade clara era a ostención, realizadas por profesionais da construción, mentres que, se o nivel adquisitivo é menor, o traballo é realizado por profesionais locais como copia doutras, con murais decorados en forma de perpiaños ou sillares, para simular unha maior calidade das pedras, decoración de xanelas imitando balcóns e mesmo a propia xanela, columnas ou pés de hórreos, etc. ¿Cales foron os responsables de espallar o arte do Esgrafiado Galego? Segundo o Códice Calixtino, os peregrinos que chegaban polo Camiño Francés ao Cebreiro recollían unhas pedras calcáreas da veta de cal que se atopa en Triacastela á beira da Cova Eirós e depositábana nos fornos de cal da Castañeda en Arzúa, onde fabricaban o cal que se aplicaba aos muros e ás bóvedas da Catedral de Santiago de Compostela. Esta información permitiume investigar no Arquivo Histórico Catedralicio e descubrir que, segundo Novás Pérez (2020), a Catedral posúe un rexistro desde o século XVI ao XX de todas as compras de cal, onde se compraba, a quen e para que obra se destinaba, etc. Isto confirmaba as miñas hipóteses de que tanto os canteiros como os mestres pintores eran os autores das devanditas obras, e que tanto os peregrinos como os devanditos canteiros, no seu percorrrido polo Camiño de Santiago, ían deixando o seu traballo a cambio de comida e aloxamento, e así se foi estendendo o noso propio estilo de esgrafiar por todo o territorio galego.
Tamén temos constancia do momento en que se decidiu eliminar o cal das paredes, columnas e estatuas da Catedral de Santiago. Segundo a Memoria de Fontes Documentais elaborada por Novás Pérez (2020), o 29 de xullo de 1878 o señor cardeal arcebispo da época realiza un donativo de vinte mil reais para realizar obras na catedral consistentes en retirar o cal que cubría varios sepulcros e as columnas porque ocultaban o mérito das estatuas e capiteis. Este feito, xunto coa desaparición dos gremios medievais que concidiu coa chegada da Revolución Industrial entre 1760 e 1840, posiblemente precipitou a decadencia da construción destas obras de arte esgrafiadas.
A primeira etapa do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra iníciase en Quiroga (Xeoparque Montañas do Courel) e finaliza en Monforte de Lemos (capital da Ribeira Sacra), e é neste tramo onde atopamos, segundo Méndez et al., (2017) a explicación pola cal se utilizaba este ramal do Camiño sobre todo na época invernal. De novo, seguimos reafirmando a utilización de vías romanas e camiños reais, tanto do Camiño oficial como das súas derivacións por Galicia, como medio de expansión da cultura e do patrimonio histórico-artístico, do mesmo xeito que a gastronomía ou o viño, a través dos peregrinos que os percorrían.

Esgrafiados galegos nunha construción situada en Montefurado (Quiroga) (Foto cedida: MAR LÓPEZ SOTELO)

A declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade a finais do Ano Santo de 1993 –a primeira vez que a UNESCO declaraba unha ruta como Patrimonio Mundial–, supuxo a chegada de maiores axudas económicas para o mantemento do Camiño e dos monumentos situados no seu ámbito de influencia, o que provoca en moitas ocasións a desaparición desta decoración, ou que se conserven especialmente as edificacións que se atopaban máis afastadas, quedando así as pegadas que confirman a existencia deste tipo de decoración. Do mesmo xeito que se se tratase do descubrimento dunha cova pintada, atopar un estilo propio de esgrafiar situado en edificacións ao longo do Camiño de Santiago e nas rutas do Románico da Ribeira Sacra, ben merece ser preservado e, por ese razón, subscribo as sabias palabras do arquitecto restaurador da Alhambra de Granada, Leopoldo Torres Balbás: «Conservar los edificios tal como han sido transmitidos, preservarlos de la ruina, sostenerlos, consolidarlos, siempre con gran respeto a la obra antigua, nunca completarla, ni rehacer las partes existentes”. Con esta premisa seguirei desenvolvendo as miñas investigacións en prol de que o Museo ao aire libre do Esgrafiado Galego deixe de ser unha orde espontánea para converterse no resultado dunha vontade común dirixida cara ao seu establecemento, e que poida ser contemplado por todas as xeracións vindeiras, fomentando así o desenvolvemento económico e turístico e o asentamento poboacional do rural onde se atopa.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Semana Santa, en imaxes

Seguinte Nova

A licitación a restauración do claustro do Convento da Mercé

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: