O Concello de Sober acolleu a pasada semana o evento máis esperado do ano, a XLIV Feira do Viño de Amandi, que congregou a miles de visitantes. O día comezou co emocionante pregón a cargo de Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión, quen destacou os lazos familiares que a unen con Sober e quixo dar as ”grazas a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, non só por este agasallo de pregón, de oportunidade para mín de crear hoxe un momento inesquecible máis para toda a vida, se non por tratarme sempre coma unha soberina máis malia selo únicamente ao 50%, aínda que coma o bo viño, son 100% Ribeira Sacra, xa que meu pai é de Neiras e miña nai de Castro Caldelas”. A presentadora dixo tamén “que son de Neiras por parte de pai pero se imos algo máis atrás, aos bisavós, por unha banda eran de Bolmente e pola outra de Gundivós, por tanto tamén teño algo de cacharreira xa que a miña bisavoa Concha era ao que adicaba os seus días e con orgullo sempre vou fachendeando de ser dun lugar onde se produce esa cerámica negra única no mundo e que sae tamén dende estas terras”. Foi un emotivo pregón, que rematou cunha homenaxe “a todos os nosos avós, non podo deixar de falar do meu…o Vicente, patriarca dos Pinchiña de Neiras. Un home que levaba boina negra, que nos transmitiu o valor do esforzo e do sacrificio e tamén a importanciade deixar tempo para desfrutar da vida e ir á festa . Un home que lle deu sempre moito valor ao viño…tanto, que nunca ovimos beber auga…dicía que a auga era para lavarse…”.
En canto ao concurso logo da cata de viños, os gañadores desta edición foron aclamados polo seu excepcional sabor e calidade. Destacaron o Marcelino Mencía 2023, o Val da Lenda Mencía 2023 e o Cardenal Rodrigo de Castro Mencía 2023, entre os tintos xoven. O Don Bernardino Godello 2023 e o Tareixa 2023 foron recoñecidos como os mellores branco e rosado xoven, respectivamente. O Garoubas 2021 alzouse co premio ao mellor tinto en barrica, mentres que o Don Bernardino Mencía 2022 foi eloxiado como o mellor tinto doutras colleitas.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, agradeceu aos viticultores e viticultoras por manter viva a tradición e o legado da Ribeira Sacra. O Concello homenaxeado nesta edición foi o do Pereiro de Aguiar, representado polo seu alcalde, Luis Menor, nunha mostra de solidariedade e intercambio cultural entre municipios galegos.•