Terán lugar os días 6 e 7 de maio, e supoñen un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio, que este ano terá como eixo temático as Revoltas Irmandiñas.

O Museo Pazo de Tor, situado no corazón histórico de Lugo, será o epicentro dos días 6 e 7 de maio das catro Xornadas Pacegas. Este evento, que ten como obxectivo ser un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio, chega este ano coa súa cuarta edición e aborda como eixo temático as Revoltas Irmandiñas.
Bautizadas como «Tor e Narla nas Revoltas Irmandiñas: Torres, Fortalezas, Sociedade», estas xornadas explorarán este periodo histórico desde diversas perspectivas.
Durante dous días intensos, os participantes analizarán as causas da destrución das fortalezas pola Irmandade, o papel das torres e casas forte como símbolos de poder, a participación das mulleres nos Irmandiños, a influencia da Igrexa e a posición da nobreza galega tras as revoltas.
SESIÓN MONOGRÁFICA SOBRE ICONOGRAFÍA FUNERARIA DA BAIXA IDADE MEDIA
Ademais, para poñer en valor a recente recuperación para o patrimonio público dun cabaleiro xacente do século XV, haberá un monográfico sobre iconografía funeraria baixomedieval. Este evento, que pretende crear un espazo de divulgación da actividade investigadora, reúne a medievalistas e historiadoras da arte das universidades de Santiago e Vigo, así como do CSIC.
DIVULGACIÓN PARA O PÚBLICO EN XERAL
As Xornadas Pacegas non só están dirixidas a académicos, senón tamén ao público en xeral interesado no patrimonio e a historia galega. As inscricións, que se realizarán vía email a concertacionsrmp@gmail.com, estarán abertas dende o 10 de abril ata o 4 de maio ou até completar o aforo, que está limitado a 45 persoas.
CONTIDOS DA PRIMEIRA XORNADA
O día 6 de maio, baixo o título Fortalezas, Irmandade, Igrexa e nobreza, acóllense as seguintes actividades:
- 16:30: Xosé Manuel Sánchez Sánchez, Profesor axudante doutor na Facultade de Xeografía e Historia da USC, coordinador do Máster Interuniversitario Patrimonio Cultural Dixital. Medievalista interesado na historia social do poder, da vida cotiá e mentalidade medievais. Sánchez presentará «Irmandiños, revoltas, castelos e ideas: atacando os edificios que amosan o poder».
- 17:15: Francisco Javier Pérez Rodríguez, Profesor titular na área de Historia Medieval da Universidade de Vigo (Campus Ourense), especializado na Historia da Igrexa no Reino de Galiza durante a Idade Media, falará sobre «A participación da Igrexa galega nas revoltas irmandiñas».
- 18:00: Miguel García Fernández, Técnico superior do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), especialista en Historia Medieval e Moderna e na historia social das mulleres na Idade Media. Intervirá cunha charla sobre as mulleres galegas ante a revolta irmandiña cunha figura directamente involucrada: dona Teresa de Zúñiga: «Para que “los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien”: dona Teresa de Zúñiga e as mulleres galegas ante a revolta irmandiña».
- 18:45: Pablo Otero Piñeyro Maseda, Director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), doutor en Historia pola USC, desenvolve a súas liñas de investigación arredor das coleccións documentais de mosteiros e casas nobres e da historia social da nobreza galega da Baixa Idade Media. Participa cun percorrido pola casa señorial galega despois das revoltas:das torres aos pazos: «A casa señorial en Galicia tralas revoltas».
19:30: Simón Vicente López, Doutor en Historia da Arte pola USC, traballa como auxiliar de sala na Rede Museística Provincial de Lugo. O seu relatorio abordará a doazón dunha escultura de cabaleiro medieval relacionada coa liñaxe do Pazo de Tor.
INTERVENCIÓNS DA SEGUNDA XORNADA
O día 7 de maio, co título Iconografía dos sepulcros galegos na Baixa Idade Media, ofreceranse a seguintes conferencias:
- 16:30: María Dolores Barral Rivadulla, Profesora Titular do departamento de Historia da Arte da USC, disertará sobre «A imaxe da muller na escultura funeraria medieval galega».
- 17:15: Marta Cendón Fernández, Profesora Titular de Historia da Arte na USC, presentará «Guerreiros para a eternidade. Sepulcros de cabaleiros na Galicia Baixomedieval».
Estas xornadas prometen ofrecer unha visión completa e profunda dun dos momentos máis impactantes e decisivos da historia de Galicia, como son as Revoltas Irmandiñas.•