A programación de activiades completarase coa presentación en Chantada, o 3 de maio, do último libro da profesora e escritora pontevedresa, Fina Casalderrey, que este ano pregoaba a XLI Feira do Viño de Chantada

A Biblioteca Municipal de Chantada está a desenrolar unha ampla programación para celebrar o Mes dos Libros e das Letras, conmemorando así o Día do Libro que se celebra o 23 de abril. Esta iniciativa inclúe actividades variadas para todas as idades e gustos literarios, co obxectivo de fomentar a lectura e a cultura entre a veciñanza. Baixo o lema “Ler conta moito”, a biblioteca agasallou cun libro a cada usuario que se deu de alta como socio o día 23 de abril. Esta é unha forma de promover a participación e o acceso á lectura entre os veciños e veciñas de Chantada.
O programa de actividades comzou o 26 de abril ás 18:00h co evento “Conta e canta con Blanca Millán e R. J. Peralta”, un contacontos musical que contou coa participación do escritor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán. Esta actividade dinámica e participativa é ideal para a cativada, quen puido gozar de historias, música e diversión.
O venres, 3 de maio, ás 17:00h, os asistentes poderán desfrutar de “Tinta do Mar, pequena biografía de Luísa Villalta”, unha actividade na que se contará, ilustrará e musicará a biografía da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Seguindo coa programación, o venres, 10 de maio, ás 17:00h terá lugar o “Obradoiro de malabares de Ramón Gato”, onde os participantes aprenderán a fabricar os seus propios malabares e recibirán nocións sinxelas sobre como empregalos. Esta actividade require inscrición previa na Biblioteca.
A programación rematará o 25 de maio ás 12:00h co evento “A fraga dos Mouros, o bosque itinerante”, no que os nenos e nenas poderán participar nunha aventura entre xogos, contos, cancións en vivo e malabares, descubrindo a mitoloxía e a natureza galegas.
Todas estas actividades son de entrada libre e gratuíta, e están subvencionadas pola Consellería de Cultura dentro da programación “Ler conta moito” e polo Concello de Chantada. Ademais, o día 3 de maio haberá a presentación en Chantada do último libro da profesora e escritora pontevedresa, Fina Casalderrey.
A Biblioteca Municipal de Chantada conta cun fondo de máis de 20.000 exemplares e ofrece unha ampla variedade de servizos aos seus usuarios. Abre de luns a venres en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h, e nas fins de semana abre a sala de estudo nos horarios da oficina de turismo.
Ademais, ofrece un club de lectura para adultos e acceso ao libro electrónico a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.•





