Carta do Secretario Xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé Roca a Pedro Sánchez, Presidente do Goberno

José Tomé Roca, pide a Pedro Sánchez «que faga un novo esforzo de resistencia para evitar que aqueles que non merecen chegar ao Goberno de España o logren a través da difamación e a desinformación. Foto ARQUIVO.

Ante a situación exposta polo Presidente do Goberno de España, o socialista Pedro Sánchez, logo de que fixese público, mediante unha carta dirixida á cidadanía, que se tomaría cinco días para reflexionar sobre a súa posible dimisión, á vista do que o propio Sánchez cualifica como unha «operación de acoso e derriba por terra, mar e aire» que están a sufrir el e a súa dona, Begoña Gómez, desde o Partido Socialista en Lugo, quixeron manifestar o seu apoio a Pedro Sánchez, e fíxoo cunha carta que lle remitiu o seu Secretario Xeral provincial, José Tomé Roca, e que reproducimos na súa totalidade:
«Querido Presidente Pedro Sánchez,
Como Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na Provincia de Lugo e Presidente da Deputación de Lugo, quero trasladarche todo o apoio, respecto, empatía e cariño en nome propio e de todos e todas os milleiros de simpatizantes e militantes da nosa provincia.
Entendo a túa dor e preocupación pola campaña de mentiras, falsidades e manipulacións que a dereita e a ultradereita leva difundindo dende hai moito tempo sobre ti e a túa familia. Non é xusto. Comprendo o difícil que é afrontar estas situacións día tras día, pero véxome no deber de pedirche que fagas un novo esforzo de resistencia para evitar que aqueles que non merecen chegar ao Goberno de España o logren a través da difamación e a desinformación. Non todo vale.
Aquí en Galicia coñecemos ben a forma de actuar de Alberto Núñez Feijóo, quen no 2009 chegou ao Goberno da Xunta de Galicia baseando a súa campaña en dúas grandes mentiras: a suposta compra dun coche oficial blindado moi custoso por parte de Touriño e a adquisición dunhas cadeiras por parte do Conselleiro Méndez Romeu, acusándoo de despilfarro. Estes casos evidencian como a manipulación e as falsidades poden prexudicar gravemente a aqueles que buscan servir ao país.
Os cargos socialistas fomos obxecto en numerosas ocasións de investigacións ou imputacións nos últimos anos, resultando os casos arquivados ou os compañeiros e compañeiras absoltos. Desafortunadamente, algúns non puideron recuperar os seus postos, o que representa unha grave inxustiza. Pídoche que non caias nos mesmos erros e que non permitas que as sucias tácticas da dereita e a ultradereita prevalezan.
Contas co meu total apoio para que sigas traballando incansablemente en beneficio de todos e todas os españois, mellorando as súas condicións e calidade de vida, loitando por novos dereitos sociais e laborais, fortalecendo a economía e creando emprego. O teu liderado foi fundamental para posicionar a España nun lugar destacado a nivel internacional, e confío en que seguirás desempeñando un papel exemplar á fronte do Goberno.
Recibe unha enorme aperta e todo o meu respaldo para seguir adiante. Xuntos, superaremos os obstáculos e construiremos un futuro próspero e xusto para todos e todas.
José Tomé Roca
Secretario Xeral do PSdeG na Provincia de Lugo
Presidente da Deputación de Lugo». •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Xa se pode descargar o Bono Activa Comercio, unha iniciativa da Xunta para impulsar o consumo local

Seguinte Nova

Ana Pontón califica de «bomba ambiental» o proxecto de Altri

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: