
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, tivo a honra de recibir unha réplica do busto do VII Conde de Lemos, un ilustre personaxe histórico vinculado á cidade de Monforte. A doazón foi realizada pola historiadora local Manuela Sáez, quen quixo compartir este tesouro coa súa cidade natal.
A peza, realizada en terracota polo mesmo escultor que creou o busto orixinal, Riccardo Ruggiano, é unha representación fidedigna do ilustre conde. O busto orixinal foi inaugurado en Nápoles o 25 de marzo de 2023, nun acto que contou coa presenza da propia Tenente de Alcalde e da Concelleira de Cultura, Marina Doutón.
O busto foi promovido pola Fundación Real Monte Manso di Scala de Nápoles para conmemorar o cuarto centenario da morte do VII Conde de Lemos, D. Pedro Fernández de Castro e Andrade. Esta iniciativa tamén recoñeceu a Giovan Battista Manso, por fundar a Academia Napolitana dos Ociosos, unha institución cultural de gran prestixio no século XVII.•