A Deputación de Lugo abre o prazo para solicitar viaxes gratuítas polo «Coñece a túa provincia»

Asociación veciñal e cultural Caballo Branco de Santiago de Cangas de Pantón visitando Navia de Suarna. Foto ARQUIVO.

A Deputación de Lugo anuncia a apertura do prazo de solicitudes para o programa «Coñece a túa provincia», destinado a entidades sen ánimo de lucro. O obxectivo é fomentar o turismo de proximidade e promover os recursos naturais e culturais da provincia. As bases da convocatoria foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establecendo un total de 1.840 prazas dispoñibles para esta tempada do 2024.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destaca a importancia deste programa para potenciar o coñecemento e a valorización do patrimonio local entre os propios habitantes da provincia. García Porto subliña que, frecuentemente, os lucenses desconecen as riquezas turísticas que teñen ao seu redor, e este programa busca cambiar esa realidade, impulsando un turismo sostible e desestacionalizado. O Coñece a túa provincia está dirixido a todas as entidades sen ánimo de lucro con sede en Lugo. As entidades interesadas deben presentar unha única solicitude dentro do prazo establecido, que se estende ata o día 23 deste mes. As solicitudes poden tramitarse de forma telemática a través da sede electrónica da Deputación ou entregarse en diferentes rexistros habilitados.
Cada entidade beneficiaria do programa terá dereito a unha excursión que inclúe transporte, póliza de seguros, menú de xantar, servizo de guía oficial de turismo e entradas a diferentes lugares de interese. As visitas, que terán unha capacidade máxima de 23 persoas e un mínimo de 15, abarcarán unha ampla variedade de itinerarios distribuídos por toda a provincia. No total, o programa ofrece 44 itinerarios diferentes, que percorren o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de Lugo.
Destes 44 itinerarios:

  • 12 son pola comarca da Mariña, que inclúen lugares naturais como a Praia das Catedrais, o Pozo da Onza ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos, o castelo de Castrodouro ou a Catedral de Mondoñedo.
  • 11 rutas son pola Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Bóveda, Pantón, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén, algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
  • 8 itinerarios pasan pola zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ao Camiño Francés na comarca de Sarria.
  • As 13 rutas restantes percorren as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas inclúen lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.
    Con esta iniciativa, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso co desenvolvemento turístico da provincia e coa promoción do turismo como motor económico e cultural. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Monforte abre o prazo para solicitar axudas para libros de texto e material escolar

Seguinte Nova

O concello de Monforte apoia á Sociedade La Fraternal

Últimas noticias sobre TURISMO

Ir aInicio

Don't Miss