Mar López Sotelo
Directora da Área de Historia e Antropoloxía
Instituto Europeo Campus Stellae
O artigo “O estudo antropolóxico da arte do Esgrafiado Galego”, publicado en abril neste medio, acompañoume a Londres, e foi o mellor soporte visual que puiden mostrar aos alumnos de galego do profesor Andrés Temprano no IES Vicente Cañada Blanch en Londres, para explicar de forma breve o traballo que estou a realizar sobre este patrimonio cultural inmaterial. Unha comunidade educativa coa que seguiremos en contacto polo moito que temos que achegar xuntos. Carmen Valcárcel, da Consellería de Educación de España en Londres, foi o meu guía nesta viaxe. Grazas a ela e a todos os membros desta entidade, abríronseme portas moi importantes para o coñecemento da arte que denominan Pargeting.
A comparación é un recurso que os investigadores de campo adoitamos utilizar para poder dar explicación aos achados dos que non dispoñemos de información. Con iso podemos xeneralizar e expor as nosas teorías. A miña recente viaxe ao Reino Unido permitiume experimentar coa arte do Pargeting e estuco (xeso modelado a man), e comparalo cos estudos que levei a cabo sobre o Esgrafiado Estilo Galego.
Compartir con Dina Martínez, experta en Patrimonio e membro da Facultade de Medieval e Linguas Modernas do Queen’s College da Universidade de Oxford, foi toda unha agradable sorpresa, xa que, ao relatarlle o meu traballo de investigación sobre o Esgrafiado, enseguida soubo identificar a arte que estaba relacionada co noso estilo. Ao observar as ilustracións do meu libro Esgrafiado Galego. Un Museo ao aire libre, xa non tivo a menor dúbida de que estabamos a falar da mesma arte, pero cun estilo propio que nos diferencia. Mostroume esta arte nalgunhas edificacións desta gran cidade de Oxford, incluído o seu concello, que posúe unha fermosa e exuberante decoración, e analizamos xuntas o que nos une e o que nos diferencia deste patrimonio artesanal. Logo, fixemos un precioso roteiro co REGA-Uk cos galegos da diáspora, soaron gaitas, pandeiretas e alalás, que me fixeron sentir como na casa. Da súa man, o meu traballo formará parte da celebración do Día das Letras Galegas nesas afastadas terras.
Cando leades a definición que dá de Pargeting o Heritage Crafts, ONG acreditada pola UNESCO para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, descubriredes o moito que nos une e o moito que temos que camiñar para protexer debidamente este traballo artesanal que no Reino Unido se atopa na “Rede List of endangered crafts”: “Crese que o pargeting foi introducido en Inglaterra no século XVI por Enrique VIII, quen importou xeseiros italianos para decorar o Palacio de Nonsuch. A artesanía coñecíase como «estuco» en Italia, pero coñeceuse como «pargeting» en Inglaterra. Os patróns estampábanse ou raiábanse na superficie do xeso húmido, e os pargeters máis hábiles creaban os seus propios deseños que logo modelaban directamente na parede cos dedos e unha espátula para crear deseños no alto ou baixo relevo. O pargeting estivo moi de moda desde a Restauración ata que caeu en desgraza durante a Revolución Industrial. Púxose de moda novamente durante o período de Artes e Oficios, e popular novamente nos últimos 20-30 anos.[…] Atópanse exemplos en West Country, Kent (Maidstone), Cheshire (Chester), Wirral peninsular (Port Sunlight) e Staffordshire (Stoke on Trent). Tamén existen exemplos de pargeting precoz en Gales, Escocia, Yorkshire […]. O pargeting vese con maior frecuencia no exterior das casas, particularmente en áreas onde non hai boa pedra de construción. Con todo, o pargeting pódese atopar en áreas onde hai boa pedra de construción […], e en interiores, en repisas e teitos. O termo «estuco» ou «xeso modelado a man» úsase comunmente para referirse ás xeseirías decorativas de cal para interiores. O estuco era unha arte perdida no Reino Unido ata que foi investigado por Geoffrey Preston para restaurar os edificios históricos danados polo lume de Uppark e o Castillo de Windsor […]. A técnica consiste nun enlucido de cal aplicado e modelado a man con ferramentas de enlucido e unha variedade de implementos e ferramentas caseiras […]. Os patróns decorativos repetidos pódense facer con selos de madeira ou raiando ou imprimindo o xeso húmido. A mellor interpretación son os motivos en baixorrelevo modelados a man, como escudos de armas, froitas, animais, homes, vexetais, etc.” Cf.»Pargeting-artesanía patrimonial (heritagecrafts.org.uk) [transcrición].
Como podedes comprobar, pouco difiren as definicións de pargeting e estuco coa do Esgrafiado Estilo Galego. Tamén somos poucos investigadores, Geoffrey Preston, en Reino Unido, e máis eu, desde Campus Stellae en Galicia, os que seguimos investigando para a salvagarda e preservación deste patrimonio cultural inmaterial, e para poñer en valor as mans artesás que o levaron a cabo. Desta viaxe a Londres trouxen moita información para seguir traballando, e tamén o orgullo de saber que o meu traballo está nas mellores Bibliotecas do Reino Unido. •ç
Para máis información, entre no seguinte enlace: Rede Ribeira Sacra. Estudos Etnográficos. (redribeirasacra.blogspot.com)