A organización Por Chantada alza a voz para demandar que a Xunta de Galicia indemnice ás persoas propietarias de edificacións onde aniñan as cegoñas. Esta petición xorde debido ao crecente número de conflitos entre os propietarios dos inmobles e as aves, que aniñan en chemineas e outras estruturas urbanas. Según Por Chantada, a mudanza climática está a provocar importantes transformacións nos ecosistemas galegos, o que tamén afecta á fauna local. As cegoñas brancas, migratorias por natureza, están a cambiar os seus ciclos e hábitos, optando por permanecer nas zonas de nidificación durante todo o ano. Este fenómeno, xunto co abandono do agroecosistema tradicional, está a facer que as poboacións destas aves se disparen. Sinala Por Chantada, que Chantada, como moitas outras localidades galegas, está a vivir unha realidade na que as cegoñas comparten espazo coa poboación humana, o que está a ocasionar conflitos frecuentes. A retirada destes animais, que só pode facerse legalmente en determinadas épocas do ano e baixo condicionantes regulados pola lexislación, está a ser unha tarefa cada vez máis habitual para a Xunta.
Nos últimos anos, retiráronse nidos en diversos puntos de Chantada, tanto no núcleo urbano como no rural. Non obstante, tanto a Consellaría de Medio Ambiente como o Concello de Chantada non abordaron esta problemática de forma eficaz, deixando aos propietarios e á administración as consecuencias perniciosas.
A destrución de niños de cegoñas brancas está tipificada como delito ambiental no Código Penal, e pode acarrear penas de prisión. É por iso que Por Chantada – Interior Galego Vivo urxe a buscar solucións que permitan a convivencia pacífica entre as aves e os veciños.
Propoñen a elaboración dun censo de niños por parte do Concello, para que a Xunta poida determinar os lugares óptimos para colocar plataformas artificiais. Tamén demandan unha campaña informativa para as comunidades de propietarios, na que se expliquen as alternativas para harmonizar a convivencia coas cegoñas e os procedementos para a súa retirada legal.
Ademais, solicitan que se amplíen as liñas de compensación económica para os danos ocasionados polas cegoñas ás comunidades de propietarios e gandeiros.•
Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL
O Partido Popular de Sarria solicitará un pleno extraordinario para esixir a reapertura do matadoiro municipal,
Os populares solicitan flexibilizar as normas para facilitar o traballo de transportistas e denuncian o bloqueo
O BNG presentou en Monforte a súa nova campaña en defensa dun modelo de financiamento galego,
O Partido Popular de Monforte deu inicio ao curso político cunha reunión con afiliados e simpatizantes,
O Partido Socialista da provincia de Lugo celebra a constitución da nova Agrupación Socialista da Pobra