José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo, xunto con outros representantes institucionais e alcaldes das comarcas de Lugo, A Mariña e Terra Chá, presentou na Catedral de Lugo a cuarta e última guía do románico editada pola institución provincial. Esta guía está dedicada ás comarcas de Lugo, A Terra Chá e A Mariña, completando así o proxecto editorial iniciado no 2021 para difundir e valorar este rico patrimonio na provincia.
José Tomé explicou que estas guías son parte dun proxecto completo e rigoroso que recolle o inmenso patrimonio románico da provincia, desde os monumentos máis coñecidos ata as pequenas capelas das parroquias. Destacou a importancia de promover este patrimonio rural como ferramenta para o desenvolvemento local e económico. O Presidente subliñou tamén a relevancia da Ruta Transrománica, na que ingresou a provincia, sinalando que é o itinerario máis importante ligado a este estilo artístico en todo o continente. Neste contexto, a Deputación está a organizar rutas gratuítas polo patrimonio románico durante o mes de maio, ca idea de promover un turismo de calidade e sostible que contribúa ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación no rural.
A guía estará dispoñible en formato dixital a partir do venres a través da web da Deputación de Lugo. Complementa así os volumes anteriores dedicados á Ribeira Sacra, A Ulloa e Os Ancares, O Courel e Sarria.•