Aberto o prazo de solicitudes para axudas de libros de texto e material escolar

As medidas chegan ao 70% do alumnado en función da súa renda. Foto ENVATO.

A Xunta de Galicia abriu o pasado 21 de maio, o prazo para solicitar as axudas destinadas á compra de libros de texto e material escolar, así como para participar no Fondo solidario de cara ao curso 2024/25. Estas medidas, que serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia, consolidan as melloras introducidas nos últimos anos para paliar a suba de prezos e apoiar ás familias galegas.
Para o curso actual 2023/24, máis de 96.500 alumnos recibiron libros de balde e máis de 128.000 accederon aos vales de material escolar. Ademais, sumando os estudantes que utilizan libros dixitais de forma gratuíta, máis do 70% do alumnado galego conta con algún tipo de apoio da Xunta para afrontar o inicio do curso escolar. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño. Os trámites realizaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán presentar presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos pola normativa.
Ata 75€ para material escolar
O vale para a adquisición de material escolar está dirixido a familias con renda per cápita igual ou inferior a 10.000€, divididas en dous tramos. As familias con rendas iguais ou inferiores a 6.000€ recibirán un vale de 75€, mantido desde o curso 2022/23 para facer fronte á inflación. As familias con rendas entre 6.000€ e 10.000€ recibirán un vale de 60€ por alumno. Os estudantes en situación de garda ou tutela da Xunta, os de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% recibirán o vale de 75€, independentemente da renda.
A convocatoria tamén inclúe axudas para a compra de libros nos cursos nos que non son reutilizables, como os dous primeiros cursos de Primaria, Educación Especial e para aqueles alumnos con necesidades específicas de apoio educativo. Para 1º e 2º de Primaria, a axuda é de 240€ para familias con rendas iguais ou inferiores a 6.000€, e de 160€ para as que teñen rendas entre 6.000€ e 10.000€. Os estudantes de Educación Especial ou con discapacidade igual ou superior ao 65% recibirán 300€, independentemente da renda familiar.
No caso de alumnos con necesidades específicas que non poidan utilizar os libros do Fondo solidario, existen axudas para todos os cursos de Primaria e ESO. En Primaria, as familias do primeiro tramo de renda recibirán 240€ por fillo e as do segundo tramo 160€. En ESO, os importes serán de 270€ e 180€, respectivamente.

FONDO SOLIDARIO

O Fondo solidario para o curso 2024/25 contará con máis de 400.000 libros de texto para repartir en réxime de préstamo entre os alumnos de 3º de Primaria a 4º de ESO, excepto para os estudantes de Educación Especial e aqueles con necesidades específicas. A asignación de libros realizarase en orde inversa á renda per cápita familiar, tendo preferencia os alumnos en garda ou tutela da Xunta ou con discapacidade igual ou superior ao 65%, independentemente da renda.
Os estudantes de familias con renda per cápita igual ou inferior a 6.000€, ou que estean en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, terán garantido o acceso a seis libros. As familias con rendas entre 6.000€ e 10.000€ terán acceso a catro libros. Para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas, é requisito devolver os libros do curso anterior.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Xornada nutrición e hábitos saudables

Seguinte Nova

Novo programa para a contratación de menores de 30 anos en Galicia

Últimas noticias sobre AXUDAS

Ir aInicio

Don't Miss