![](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2024/06/cartel-festa-xeneracional-2024.jpg?resize=197%2C278&ssl=1)
O Concello de Chantada está a preparar a súa primeira Festa Interxeracional, un evento que busca reunir a familias enteiras, destacando a importancia dos maiores na sociedade. Esta celebración, que pretende converterse nunha tradición anual, terá lugar o 7 de xullo no pavillón do colexio Eloisa Rivadulla, elixido pola súa capacidade, accesibilidade e comodidade.Esta Festa nace como unha homenaxe aos maiores, resaltando o papel fundamental que desempeñan nas nosas vidas e na comunidade. A intención é reunir a nais, pais, fillos, fillas, avós e avoas nunha xornada de confraternidade e diversión para todas as idades.
Para participar é necesario adquirir as entradas antes do 4 de xullo. O prezo da entrada é de 15 euros para adultos, mentres que os nenos e nenas de 6 a 12 anos pagarán 7,5 euros, e os menores de 6 anos poderán asistir de balde. As entradas están dispoñibles na recepción de servizos sociais no Edificio Multiusos e en tesourería na Casa Consistorial. O aforo do pavillón é de aproximadamente 700 persoas, polo que as entradas son limitadas.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima a toda a veciñanza a participar desta celebración: “É un día para pasalo ben cos familiares de todas as idades. Os máis novos xa tiveron a súa Festa da Xuventude, pero poden repetir vindo cos avós e avoas, cos pais e nais. Coller o coche desde a aldea e vir todos á festa, acudir en familia paseando por Chantada. É un día de festa, podemos pasar un día extraordinario”. O evento incluirá unha misa solemne para comezar o día, seguida dun cóctel de benvida. O xantar popular será unha oportunidade para degustar pratos típicos e celebrar en familia. Pola tarde, unha sesión de baile animará a todos a participar, rematando a xornada cun sorteo de viaxes e agasallos. Manuel Lorenzo Varela subliñou a importancia do carácter interxeracional da Festa, destacando que “Queremos que sexa unha homenaxe aos nosos maiores, visualizar a importancia que teñen na sociedade como transmisores de coñecemento e sabedoría e como piares da familia; de aí a importancia de que ese día veñan acompañados/as. Un día para ver á familia, que esperamos compartir con persoas de todas as idades chegadas de todas as parroquias do municipio”. A Festa Interxeracional de Chantada promete ser unha xornada memorable para todas as familias, fortalecendo os lazos comunitarios e celebrando a riqueza da convivencia entre xeracións. A expectativa é que este evento se consolide como unha cita anual imprescindíbel no calendario de Chantada, promovendo a unión familiar e o respecto polos nosos maiores.•