O Concello destaca o Folión de Carros e outras tradicións na X Feira de Festas de Interese Turístico
O Concello de Chantada participa un ano máis en Festur 2024, a X Feira de Festas de Interese Turístico, que se está a celebrar do 30 de maio ao 2 de xuño no marco da 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e do Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia). Este evento é unha cita destacada no calendario nacional para todos os axentes clave do sector turístico.
Chantada conta cun stand onde o Folión de Carros, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2002 e Ben de Interese Cultural desde 2019, é o protagonista principal. Ademais, a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno a Santiago tamén teñen un papel destacado na información turística do Concello. Chantada é un punto fundamental no Camiño de Inverno, ofrecendo monumentos característicos do románico e paisaxes icónicas da viticultura heroica. O stand tamén destaca o Entroido Ribeirao e a Feira do Viño. Para os visitantes, hai marcapáxinas con motivos do Folión de Carros e do Entroido Ribeirao como recordo. O xoves 30 e o venres 31, varias empresas locais participarán en reunións con operadores turísticos nacionais e internacionais, promovendo a oferta turística de Chantada.
Pamela Fernández, Concelleira de Turismo de Chantada, destacou: “A participación en Festur é moi importante para a promoción turística do Concello, dános maior visibilidade entre os operadores e consumidores de produtos turísticos. É unha oportunidade inmellorable para divulgar o noso Folión de Carros, as nosas tradicións e todo o noso patrimonio etnográfico”.
Festur 2024 serve como escaparate das festas distinguidas en Galicia polo seu interese, ofrecendo aos concellos a posibilidade de informar sobre as súas celebracións e realizar demostracións ou degustacións, dinamizando así o atractivo turístico da comarca.•