Abordaron o problema do despoboamento que afecta o territorio
O pasado 21 de maio, tivo lugar unha relevante xuntanza das Comunidades de Aprendizaxe «Montes de Saberes» na Pobra do Brollón, no contexto do proxecto de Comunidades de Aprendizaxe Rurais Sostibles de Galicia. Este proxecto, financiado polo Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE, reúne esforzos para fomentar o desenvolvemento sustentable nas áreas rurais.
Na reunión, estiveron presentes destacadas figuras como o colectivo emprendedor La Brava, xente nova con entusiasmo para contribuír ao desenvolvemento rural, así como Javier Mariño da empresa de servizos de xestión, enxeñería e asesoría ambiental Cerna, Antonio Mota da asesoría forestal Graña e Francisco J. Dominguez, resinero e formador.
Durante o encontro, púxose en evidencia a necesidade de que as Comunidades de Montes unan esforzos para abordar o problema do despoboamento que afecta o territorio. Destacouse a importancia de xestionar adecuadamente os recursos dos montes para xerar ingresos económicos e así ofrecer á poboación a oportunidade de establecerse de forma duradeira.
Ademais, analizáronse os desafíos futuros cunha mentalidade positiva, buscando solucións que impulsen a rexeneración rural. Tamén se abordou a importancia de coñecer a lexislación e normativas necesarias para a xestión dos montes, así como tomar exemplo de outras Comunidades de Montes exitosas que conseguiron florecer e contratar persoas que xestionen os seus recursos. Nesta xuntanza, tamén se presentou a posibilidade de realizar formación en resinado como opción profesional rural. A resina é un produto moi demandado actualmente, coa potencialidade de contribuír ao crecemento económico desta zona. Este encontro representa un paso importante na procura de solucións para o desenvolvemento sostible das áreas rurais, demostrando o compromiso e a colaboración de diversos axentes na construción dun futuro para a Pobra do Brollón e a súa contorna.•