O Concello de Chantada continúa a apostar pola reciclaxe e a xestión responsable dos residuos a través da implementación de puntos limpos móbiles. Os puntos limpos de proximidade están situados permanentemente no casco urbano, na Avenida de Monforte e na Praza Catro Camiños. Outros dous puntos limpos móbiles percorren as parroquias en períodos quincenais, facilitando así o acceso ao servizo para toda a veciñanza.Ata o 31 de maio, estarán situados en San Miguel, na parroquia de San Miguel do Monte, e á Ponte, na parroquia de Belesar. Na primeira quincena de xuño trasladaranse á igrexa de San Vicente de Argozón e ao lugar de Vilaboa na parroquia de Camporamiro. A partir do 17 de xuño, estarán na igrexa de Mouricios e na casa escola de Vilaúxe. En xullo, o servizo chegará ás parroquias de Requeixo, San Salvador, Laxe e Pereira. O resto de parroquias recibirán a visita dos puntos limpos móbiles ata finais de ano.
O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Otero, destaca: “Chegamos co servizo do punto limpo á porta da casa para que as persoas depositen pequenos electrodomésticos e outros obxectos que hai que levar ao punto limpo. Tentamos que a veciñanza se habitúe a este servizo e que saiba que en determinada quincena van ter un punto limpo móbil para que reserven ata ese momento as pezas que queren tirar”.
Nestes puntos limpos, pódense depositar diversos tipos de residuos, incluíndo RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), aceite doméstico vexetal, pinturas, disolventes e aerosois, fluorescentes, lámpadas de baixo consumo, radiografías, pilas e baterías, cartuchos de tinta e tóner, cápsulas de café, CDs e DVDs. •