
A Fundación San Rosendo vén de adxudicar as obras para a construción da residencia da terceira idade de Pantón á empresa Gómez Crespo. A Fundación destinará case 1.500.000€ para a posta en marcha deste servizo, mentres que o Concello de Pantón cedeu os terreos, situados ao carón da Praza do Concello, entre as rúas Fernández Núñez e Ourense.
Antes do 15 de xuño colocarase a primeira pedra da obra, que debería estar rematada na primavera do vindeiro ano. A nova residencia terá capacidade para 36 prazas e creará 25 postos de traballo. O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destacou que esta iniciativa proporcionará mellores condicións de atención para os maiores da localidade.•





