Sober impulsa o empoderamento feminino coa iniciativa ‘Redes Lilas’

Unha ruta de sendeirismo circular dende o miradoiro da Cividade, onde remataron a xornada compartindo un refrixerio e petiscos ante o embalse de Santo Estevo, para fortalecer vínculos e promover a igualdade

A penúltima actividade da programación dos Servicios Socias do Concello de Sober, ‘Redes Lilas’, foi realizada o pasado sábado 25 de maio. Foto GPCS.

A penúltima actividade da programación dos Servizos Sociais do Concello de Sober, ‘Redes Lilas’, celebrouse o pasado sábado 25 de maio cunha ruta de sendeirismo que reuniu preto de 40 mulleres. O proxecto, creado polas traballadoras sociais Ana de la Torre Alvaredo e Patricia González Vidal, organizou unha camiñada de 4,5 quilómetros baixo a premisa ‘Nós trazamos o camiño’.
As participantes partiron ás 11:30 da mañá do miradoiro da Cividade en dirección ao do Boqueiriño, onde chegaron ás 12:15 horas para desfrutar das impresionantes vistas do Canón do Sil e facer un descanso. Durante o traxecto de volta, as sendeiristas compartiron conversas e o deleite da contorna natural.
Unha vez de regreso ao punto de partida, compartiron bebidas, empanadas e tortilla proporcionadas por comercios locais e preparadas pola educadora social Selene Arias Sáez e o Concello de Sober. A vaixela, composta por vasos e pratos de cartón, tamén foi facilitada polo concello, reforzando así o compromiso coa sustentabilidade. A actividade destacou pola súa inclusividade, adaptándose ás diversas necesidades das participantes, incluíndo a presenza de menores e mascotas. Esta iniciativa deportiva, quinta do proxecto ‘Redes Lilas’, busca crear un espazo seguro para as mulleres, fomentando os vínculos relacionais entre descoñecidas e coñecidas. Con cada vez máis participantes, incluíndo persoas de concellos veciños e unha muller de Suíza recentemente residente en Monforte de Lemos, o proxecto está logrando tecer unha rede de apoio sólida e de referencia.
A última proposta do calendario consistirá na elaboración dun mural artístico nas instalacións do Concello de Sober, cunha mensaxe relacionada co discurso feminista.
O grupo feminista ‘Redes Lilas’ anima a todas as mulleres a unirse, ofrecendo tamén un espazo virtual a través de WhatsApp e unha conta de Instagram (@redes.lilas) para facilitar a comunicación e coordinación das actividades futuras.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Conselleira do Medio Rural pon en valor as axudas para o fomento do castiñeiro na Pobra do Brollón

Seguinte Nova

Sober terá as súas primeiras cabanas de madeira nun bosque temático para familias

Últimas noticias sobre SOCIEDADE

A %d blogueros les gusta esto: