
O Concello de Sober contará na vindeira primavera coas primeiras cabanas de madeira construídas nun bosque embruxado con esculturas pensadas para o público familiar. O empresario local Rubén Vázquez é o promotor desta innovadora iniciativa de cámping na natureza, denominada ‘As Cabanas do Sil’, que se desenvolverá no lugar de Santa Marta, na parroquia de Barantes. Nunha primeira fase instalaranse tres cabanas de madeira con capacidade total para 12 persoas. Estas edificacións, que serán construídas integramente en madeira, disporán de todas as comodidades modernas. Ademais, as cabanas estarán integradas na paisaxe dun bosque autóctono de carballos, castiñeiros centenarios e bidueiros, próximo ao Canón do Sil.
A parcela onde se asenta o proxecto conta con 12.000 metros cadrados de superficie, o que permitirá unha integración respectuosa co medio natural.
O rexedor do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, agradeceu ao promotor esta iniciativa que traerá á localidade “as primeiras cabanas de madeira integradas nun bosque con esculturas da Ribeira Sacra”, ampliando así a oferta turística de Sober.•