Máis de 20.000 persoas maniféstanse en Palas de Rei contra o proxecto de fábrica de Altri

Máis de 20.000 persoas, percorreron as rúas de Palas de Rei para expresar o seu rexeitamento ao proxecto da multinacional portuguesa Altri. Foto Plataforma Ulloa Viva.

Unha multitude de máis de 20.000 persoas, segundo os organizadores, percorreu este pasado domingo as rúas de Palas de Rei para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri pretende instalar na localidade. A marcha, baixo o lema ‘Dende a Ulloa ata a ría, auga e aire son vida! Altri Non!’, comezou pouco antes das 12.30 horas no Polígono Industrial de Palas e avanzou pola estrada N-547 ata a Praza da Feira.

UNHA DEMOSTRACIÓN DE FORZA
Para os asistentes, esta mobilización foi unha “demostración de forza” que reflicte unha “contestación rotunda” a un proxecto que, segundo o seu estudo ambiental, tería unha capacidade de produción de 400.000 toneladas de fibras solubles de base celulósica a partir de madeira de eucalipto, 200.000 toneladas de lyocel (fibra téxtil que pretende substituír o algodón) e consumiría 1,2 millóns de metros cúbicos anuais de madeira de eucalipto, precisando ademais uns 20.000 metros cúbicos de auga diarios do río Ulla.
Antes do inicio da marcha, Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, declarou aos medios que esta manifestación pretendía dar “o segundo golpe na mesa” tras a entrega de 25.000 alegacións. “Este proxecto parécenos un atentado directo á nosa maneira de vivir e ao noso medioambiente”, afirmou, subliñando a vontade de visibilizar que a comarca non quere “nin a Altri nin a Greenalia neste entorno”. Gontá tamén insistiu en que o proxecto de Altri consiste en “privatizar os recursos e bens de todos para que uns poucos se lucren”.

ESIXENCIAS DE POSICIONAMENTO POLÍTICO
Gontá instou aos partidos políticos a clarificar a súa posición ante este problema, especialmente en plena campaña electoral. “Cando vaiamos votar queremos saber de que lado están os partidos: se do sentido común e da xente ou do lado dos proxectos extractivistas que veñen facernos máis pobres”, aseverou.

RISCOS DE CONTAMINACIÓN
ADEGA, coa colaboración do experto en contaminación atmosférica Ramón Varela Díaz, analizou as emisións declaradas no Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do proxecto, comparándoas con outras plantas de celulosa. Os resultados amosan que a factoría de Altri converteríase na principal emisora estatal de óxidos de nitróxeno e partículas PM10, superando mesmo ás emisións totais doutras plantas de celulosa do Estado.
Os datos do EIA indican que a planta emitiría 252,5 toneladas anuais de partículas PM10, 577,6 toneladas de óxidos de xofre (SOx) e 2.180,9 toneladas de óxidos de nitróxeno (NOx), entre outros contaminantes. Estas emisións superarían amplamente ás da planta de ENCE en Pontevedra, que emite 43,5 toneladas de partículas PM10, 20,4 toneladas de SOx e 550 toneladas de NOx ao ano.

IMPACTO NA SAÚDE E NO MEDIOAMBIENTE
Según ADEGA, as emisións de Altri implicarían serios riscos para a saúde e os ecosistemas. Os compostos de nitróxeno están asociados a enfermidades respiratorias como a asma, mentres que o dióxido de xofre pode irritar as vías respiratorias e empeorar as condicións cardiacas. As partículas finas PM2,5, aínda que non cuantificadas no EIA, son coñecidas por provocar problemas cardiacos, respiratorios e neurolóxicos.
No medioambiente, os contaminantes primarios e secundarios poderían incrementar as choivas ácidas, reducindo a produtividade agrícola, apícola e gandeira. Os efectos destes contaminantes poderían afectar a contorna próxima e estenderse a ducias de quilómetros arredor do foco emisor.

REACCIÓNS POLÍTICAS
Alfonso Rueda quixo tranquilizar aos galegos sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei afirmando que escoitarán aos técnicos “digan o que digan”. Esta mensaxe chegou durante o pleno do Parlamento, onde Ana Pontón, líder do BNG, denunciou unha vez máis o que considera unha “bomba ambiental no corazón de Galicia”, poucos días despois dunha manifestación multitudinaria contra a planta, na que o seu partido tivo unha participación destacada.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón, instou a Rueda a escoitar “a humildade de miles de galegos” que se manifestaron o pasado domingo contra Altri. “Dixeron ‘Altri non’ porque do río Ulla á ría de Arousa todo é auga e aire, que son vida. Non converta esa vida en destrución. Rectifique, señor Rueda”, declarou desde o seu escano.
Rueda, pola súa banda, acusou a Pontón de politizar o proxecto da pastera para facer “demagoxia”, utilizando o tema como bandeira política tras a súa derrota nas eleccións do 18 de febreiro. O presidente da Xunta instou á portavoz nacionalista a confiar nos técnicos e non a “demonizar” o seu traballo por intereses políticos. “Digan o que digan” os expertos nun “análise obxectiva” da documentación presentada por Altri na súa solicitude de autorización ambiental.
O mandatario galego tamén subliñou que a Xunta non autorizará nada que non cumpra rigorosamente con todos os criterios ambientais, pero advertiu que tampouco permitirá que o futuro industrial de Galicia sexa ditado polo BNG e as súas asociacións afíns. “Exerceremos as nosas responsabilidades, e non lle fallaremos a Galicia”, concluíu Rueda, comprometéndose a non poñer en risco o emprego de calidade e o futuro industrial da comunidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O At. Escairón parte con ventaxa na loita polo ascenso a Preferente

Seguinte Nova

O conselleiro de Sanidade aposta por unha sanidade pública adaptada ás necesidades de Galicia

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: