
O estudantado da zona sur de Lugo participou no Correlingua de Monforte, nunha cita promovida pola área de Cultura da Vicepresidencia provincial, que reuniu a 600 alumnos de oito centros educativos. O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro celebrou o éxito desta iniciativa, que destaca pola “reivindicación do uso do galego entre a xuventude e a rapazada, facéndoo dun xeito festivo e sen prexuízos”. O Parque dos Condes foi o escenario onde mozos e mozas de diversos colexios e institutos se congregaron baixo o lema “Dende aquí ata acolá. Galego xa!”, reclamando o uso do galego na ensinanza e entre a mocidade. A xornada comezou cunha andaina e rematou coa lectura dun manifesto a cargo do alumnado do IES A Pinguela. A música foi protagonizada por Mekánika Rolling Band, e o humor estivo a cargo de Fran Rei.