![](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2024/06/AT-ESCAIRON.jpg?resize=328%2C301&ssl=1)
O At. Escairón deu un paso importante ao impoñerse por 0-1 ao SD Chantada no Sangoñedo, grazas a un solitario gol de Sotelo, na loita que os dous equipos do sur de Lugo están a manter polo ascenso á Rexional Preferente. Foi un partido como os de antes, con moitos afeccionados dos dous equipos que souberon manter unha sa rivalidade. Agora, a SD Chantada terá que remontar a súa desventaxa no campo do rival, o Municipal de O Saviñao, se quere aspirar ao ascenso de categoría, o que non se presenta como tarefa fácil. O encontro estivo marcado por un gran respecto mutuo e unha intensidade constante. Cada balón dividido convertíase nunha batalla, con continuas faltas e interrupcións. Os de Iván González, replegáronse buscando oportunidades á contra, gozando de dúas ocasións claras para adiantarse. Pola súa banda, a SD Chantada trataba de dominar co balón, equilibrando o choque.
Na segunda parte, o ritmo e a intensidade do xogo diminuíron, o que deu máis comodidade aos chantadinos. Porén, dous erros na saída do balón deron sendas oportunidades aos visitantes. Na primeira ocasión erraron, pero na segunda non desperdiciaron a ocasión logo dun roubo de balón. Sotelo definiu á perfección cun tiro raso, batendo a Moncho.
Despois do gol, o At. Escairón replegouse aínda máis e utilizou as interrupcións do xogo para adormecer o partido. A SD Chantada intentouno ata o final, tendo a súa mellor ocasión nun saque de esquina que acabou nas mans de Macía. A ventaxa e do At. Escairón, pero non definitivo. A segunda volta desta historia decidirase este domingo que vén no Municipal de O Saviñao. Emoción por milleiros, nunha nova festa do fútbol no sur de Lugo.•