O conselleiro de Sanidade aposta por unha sanidade pública adaptada ás necesidades de Galicia

Antonio Gómez Caamaño destaca a necesidade de diálogo entre administración, profesionais e cidadanía para afrontar os desafíos da saúde pública en Galicia

Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, do xerente do Sergas, do director xeral de Asistencia Sanitaria e do xerente, Ramón Ares, reuniuse cos profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte. Foto GPXG.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vén de subliñar a importancia de continuar traballando por unha sanidade pública de calidade adaptada á realidade xeográfica e social de Galicia, tendo en conta unha poboación envellecida e dispersa que require coidados especiais.

REUNIÓN CON PROFESIONAIS SANITARIOS DE LUGO, A MARIÑA E MONFORTE
Na sala de conferencias do Hospital Lucus Augusti, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e o xerente, Ramón Ares, o conselleiro reuniuse cos profesionais do ámbito sanitario de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Alí, explicou os principios que guiarán a acción da Consellería co fin de lograr un sistema sanitario público forte e resolutivo.
En primeiro lugar, o conselleiro destacou que «Galicia conta cun sistema sanitario de moi alto nivel», que en moitos aspectos é un modelo para outros servizos de saúde, como nas políticas de vacinación ou nas estratexias de loita contra o cancro. Non obstante, Gómez Caamaño sostén que é preciso un cambio na forma de traballar para protexer, preservar e optimizar o sistema sanitario, e para iso propón o diálogo como principal ferramenta coa que avanzar.
Neste contexto de colaboración, Gómez Caamaño considera necesario un debate real entre a Administración, os profesionais sanitarios e a poboación «para definir o tipo de sanidade que queremos para o futuro».
Ademais, incidiu na importancia de reducir a burocracia no traballo dos médicos para centrar a atención no paciente, e destacou o papel dos profesionais sanitarios na educación da poboación en temas de saúde.

CONTINUIDADE ASISTENCIAL
O conselleiro de Sanidade tamén destacou a necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción efectiva entre a atención primaria e hospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto e pase a ser unha realidade que beneficie aos pacientes.
Gómez Caamaño defende unha sanidade pública de calidade orientada aos resultados en saúde da poboación, coidando tanto aos pacientes como aos seus coidadores.

PRESTIXIO DOS PROFESIONAIS SANITARIOS
Gómez Caamaño fixo especial fincapé na necesidade de valorar a figura de todos os profesionais sanitarios, comezando polos médicos de atención primaria, que considera «os principais protetores da saúde da cidadanía».

OUTROS OBXECTIVOS PARA ESTA LEXISLATURA
Entre os obxectivos para a lexislatura, o conselleiro destacou a importancia de responder con axilidade aos retos da sanidade, como a integración racional da innovación tecnolóxica, farmacolóxica, intelixencia artificial e medicina de precisión.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 20.000 persoas maniféstanse en Palas de Rei contra o proxecto de fábrica de Altri

Seguinte Nova

Monforte celebra o Correlingua reunindo a 600 estudantes

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: