O PP de Galicia presenta a súa campaña para as eleccións europeas: “Somos a túa resposta”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os tres candidatos galegos Francisco Millán, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón. Foto GPPP.

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) ten claras as liñas mestras da súa campaña para as eleccións europeas, centrando a súa mensaxe na relevancia das decisións que se toman no Parlamento Europeo para o día a día dos galegos. O lema da campaña, «Somos a túa resposta», subliña a vontade do partido de abordar directamente as preocupacións e necesidades dos cidadáns. “O noso obxectivo é responder ás dúbidas dos galegos e galegas, responder aos seus problemas e responder aos seus retos de futuro. Tamén responderemos a aqueles partidos, como o BNG, que elixiron compartir lista co independentismo e cos herdeiros de ETA; ou como o PSOE, cuxa prioridade é seguir socavando os principios básicos do Estado de Dereito”, explicou a secretaria xeral Paula Prado antes de reunirse co Comité de Campaña do partido.
Prado anunciou que o PPdeG logo do inicio da súa campaña coa tradicional pegada de carteis en Pontevedra vai estar “en cada recuncho” tanto con actos sectoriais como con mitins. Alfonso Rueda, presidente do PPdeG, estará presente nas catro provincias e nas sete cidades galegas, mentres que os candidatos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón percorrerán o territorio coas súas propias axendas.
Ademais, a número dous dos populares galegos avanzou a presenza na tradicional Romaría do Pino, que se celebrará o sábado 1 de xuño, do presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Prado agradeceu por adiantado a súa visita, destacando a súa implicación fronte a outros líderes que non visitarán Galicia durante a campaña.
Paula Prado destacou que os temas que “ocupan e preocupan” aos galegos –como a economía, o rural, a pesca, a seguridade e o Estado de Dereito– serán abordados ao longo dos próximos quince días, co obxectivo de poñer o colofón a un ciclo electoral de éxitos cun novo triunfo nas eleccións europeas.
Prado lembrou que se cumpriron dous anos desde que Alfonso Rueda asumiu o liderado do PPdeG, período no que o partido obtivo tres grandes éxitos electorais en forma de maiorías nas eleccións municipais, xerais e autonómicas.
Durante este tempo, “a maquinaria do partido funcionou a pleno rendemento, nos 313 concellos, con ducias de actos dentro e fóra das campañas”. “Non nos conformamos e queremos máis: o 9 de xuño temos un novo reto, as eleccións europeas, que afrontamos coa mesma ilusión e, sobre todo, coa mesma confianza nos galegos”, concluíu Prado.
Na reunión do Comité de Campaña tamén participaron os tres candidatos galegos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón, quen resaltaron a importancia destes comicios non só para Europa, senón tamén para España e especialmente para Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova sentenza favorable para o Concello de Monforte sobre a Zona C

Seguinte Nova

O At. Escairón parte con ventaxa na loita polo ascenso a Preferente

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: