Renfe transporta a 17.000 viaxeiros na primeira semana de AVE a Madrid

Entre os días 21 e 28 de maio de 2024, Renfe transportou a preto de 17.000 viaxeiros nos novos servizos AVE que conectan Galicia con Madrid. Foto GPMT.

Entre os días 21 e 28 de maio de 2024, Renfe transportou a preto de 17.000 viaxeiros nos novos servizos AVE que conectan Galicia con Madrid, estreando así unha nova etapa nas comunicacións ferroviarias da comunidade. O lanzamento destes servizos tivo lugar o pasado 21 de maio, coincidindo coa entrada en funcionamento dos modernos trens S106, que ofrecen 507 prazas e mellores prestacións a bordo, asegurando maior confort para os pasaxeiros.
Durante a primeira semana de operación, a ocupación dos trens rozou a plena capacidade, cunha media do 97%, reflectindo a gran acollida por parte dos viaxeiros. Galicia conta agora con dúas conexións diarias de ida e volta entre A Coruña-Madrid e Vigo-Madrid. Ademais, estes novos servizos AVE realizan paradas en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ourense e A Gudiña, beneficiando tamén as estacións de alta velocidade en Castela e León, como Sanabria AV e Zamora.
VIAXE INAUGURAL
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, nunha viaxe simulada entre Madrid e A Coruña a bordo dos novos trens Avril de alta velocidade da serie 106 de Renfe. José Tomé subliñou a importancia deste avance ferroviario, destacando que a redución do tempo de viaxe a Madrid a menos de tres horas traerá beneficios significativos para a provincia de Lugo. «Mellorará considerablemente as comunicacións coa capital de España», afirmou Tomé. T
ras a viaxe en tren, o presidente da Deputación de Lugo asistiu na Coruña, xunto ao Ministro de Transportes e outras autoridades galegas, á presentación do Plan Director do Corredor Atlántico para Galicia. «Este Plan permitirá que as mercadorías cheguen ao núcleo de Monforte e se bifurquen a Lugo e A Coruña. Ademais, cando rematen as obras que o Estado está acometendo, os lucenses poderán viaxar de Lugo a Monforte e Ourense en menos de 40 minutos para coller o AVE a Madrid. Así, teremos unha conexión máis rápida con Madrid que A Coruña e Vigo,» concluíu José Tomé, destacando os beneficios de tempo e distancia que este proxecto traerá para Lugo.

CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
O Partido Popular da provincia de Lugo criticou duramente ao presidente da Deputación, José Tomé, por celebrar a exclusión de Lugo da alta velocidade ferroviaria. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, afirmou que é «impensable que un representante político da provincia aplauda este trato discriminatorio aos lucenses». Candia criticou ao Goberno de Pedro Sánchez por renunciar ás variantes de Rubián e Os Peares-Canabal, coa suposta aprobación de Tomé e o PSOE lucense, acusándoos de apoiar políticas que discriminan a provincia. «Isto evidencia a falta de liderado político de Tomé na provincia e a falta de peso político do PSOE lucense en Madrid», engadiu.
Segundo Candia, o actual trazado non permite alcanzar a alta velocidade na provincia. «O PSOE, co consentimento do BNG, renuncia á construción destas variantes, que permitirían reducir ata 23 minutos o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense, conectando así co AVE en Ourense e viaxar a Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto», explicou. Elena Candia coincidiu coa valoración do Grupo Provincial Popular. O voceiro, Antonio Ameijide, cualificou de «insulto aos lucenses» que «Tomé aplauda en Ourense que a alta velocidade non vaia chegar a Lugo, sendo a única provincia galega sen este servizo ferroviario por decisión de Pedro Sánchez. É vergoñento», subliñou.

RESPOSTA DE JOSÉ TÓMÉ ROCA
Considera José Tomé Roca que «se a Presidenta do Partido Popular de Lugo tivese un pouco de vergoña non diría nada diso, porque neste momento está a facerse o maior investimento de historia do ferrocarril na provincia de Lugo, con 550 millóns de euros, arranxando toda a vía de Ourense a Monforte; que nos Peares houbo un derrubamento dunha montaña que loxicamente atrasa a obra. E ademais, estase electrificando toda a vía, facendo o túnel de Oural, e electrificando a vía ata Lugo que non estaba electrificada. Bueno, iso estase facendo agora cos 550 millóns de euros. Resulta que cando gobernou o señor Rajoy, mesmo dito por un Tribunal de contratos de Estado, pararon totalmente as obras. Paralizaron as obras do Ave a Galicia. Foi cando chegou Pedro Sánchez, que se volveron a reactivar e 3 anos despois chegou o AVE a Ourense·.
Pregunta José Tomé, «que di a Señora Candia de que romper un contrato que había da intermodal de Lugo? Ou que me di, señora Candia, de que deixasen prescribir un informe de impacto ambiental da variante de de Canabal? Resulta que vai falar quen menos ten que facelo.
O que si vai permitir este arranxo de vía e todas as melloras que se están facendo é que desde Lugo e Monforte cheguemos no mesmo tren a Madrid que os de Vigo e os de Coruña. De Lugo a Monforte e a Ourense vai chegar nese tren en 40 minutos. Que vai levar máis de Coruña a Ourense e de Vigo Ourense. Iso significa que imos chegar a Madrid en menos de 3 horas porque os trens Avril son 2:15 H desde Ourense con 40 minutos, pois son iso 3 horas, o número redondos menos».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

«Portas», exposición de pintura

Seguinte Nova

Presentación do libro «Estanque de Tormentas», de Suso Vila

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: