A decisión tomouse na reunión do Grupo Temático de Turismo celebrada esta semana en Monforte

O Grupo Temático de Turismo do Eixo Atlántico reuniuse en Monforte de Lemos para elixir a sede da VIII edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico. Tras a presentación das candidaturas, decidiuse que Sarria, principal punto de partida do Camiño de Santiago Francés, acollerá a VIII edición de Expocidades en maio de 2025. Pola súa parte, Amarante, cidade creativa da UNESCO, será a sede da IX edición de Expocidades en setembro de 2026.
Expocidades é unha ferramenta clave de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Esta feira busca promover as nosas cidades no seu mercado inmediato e favorecer a relación directa entre produtores turísticos, como o turismo rural, os programas de turismo de natureza e os de turismo de aventura, e os comercializadores, incluíndo axencias de viaxes e operadores turísticos. A xornada en Monforte estivo presidida pola tenente de alcalde da cidade, Gloria Prada, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao. Durante o evento, desenvolvéronse novos conceptos de turismo, como o turismo de autor e o turismo policéntrico, co obxectivo de prever os impactos negativos sobre o medio ambiente e o patrimonio provocados por unha inadecuada xestión turística.
Outra das novidades presentadas na reunión foi a plataforma dixital da guía turística do Eixo Atlántico. Esta ferramenta permitirá aos usuarios acceder a información de interese dos 39 municipios e dúas deputacións que forman parte do Eixo Atlántico. A guía ofrece detalles sobre mercados, cultura, festas, patrimonio, natureza, termalismo, gastronomía e deportes, facilitando así unha planificación máis completa e informada das visitas turísticas. Ademais do Concello de Monforte, na reunión participaron representantes doutros concellos galegos, como A Coruña, Carballo, Culleredo, Ferrol, Lugo, Narón, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribeira, Santiago de Compostela, Sarria e a Deputación de Lugo. Por parte de Portugal, estiveron presentes representantes dos concellos de Amarante, Barcelos, Braga, Bragança, Esposende, Fafe, Felgueiras, Guimarães, Maia, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Santa María da Feira, Valongo, Viana do Castelo, Vila do Conde, Vila Nova de Famalicão e Vila Nova de Gaia.
Gloria Prada subliñou a importancia desta feira como unha oportunidade para fortalecer os lazos entre os municipios do Eixo Atlántico e promover un turismo sostible e de calidade. A elección de Sarria como sede da próxima edición de Expocidades subliña a relevancia desta localidade no Camiño de Santiago, mentres que Amarante, recoñecida pola súa creatividade, será un escenario ideal para a edición de 2026.•