As Festas de San Xoán de Sarria 2024 chegan cun programa que se estenderá desde o venres 21 ata o martes 25 de xuño, cunha variada oferta de actividades que abrangue dende concertos, verbenas, desfiles e actividades culturais de todo tipo, asegurando diversión para todas as idades.
As celebracións comezarán o venres 21 de xuño ás 20:00 horas coa lectura do pregón na Casa do Concello, a cargo de Xaime Félix López Árias “Arlindo”. Tras a tirada do foguetón, seguirán diversas actuacións na Praza da Constitución e o desfile das “Pampónigas” e os “Dimonis” de La Plana. A programación musical inclúe a actuación dun artista local ás 21:30 horas, seguida do concerto de Nena Daconte ás 22:30 horas no cruce de Catro Camiños. Paralelamente, haberá unha verbena no Campo de Rugby coa participación dos grupos “Players” e “Kubo”, e comezará o XXXIV Torneo de Fútbol Sala.
O sábado 22 estará marcado polos pasarrúas dos “Peleriños” e da “Charanga Louband”, seguido do VibraXoán no Campo de Rugby, onde actuarán Louband ás 20:00 horas, Ultramarinos ás 20:15 horas e Duendeneta ás 21:45 horas. A noite continuará coa cea americana e a verbena coa orquestra “Tokio”, ademais do concerto de Niña Polaca ás 23:15 horas no Campo de Rugby e a verbena con “La Fórmula” a partir da 1:00.
O domingo 23, a xornada comezará coa sesión vermú de Duendeneta na Explanada da Estación e os pasarrúas da “Banda de Música da Comarca de Sarria” e a “Charanga Paradela”. Pola tarde, terá lugar a tradicional “Pancetada Popular” no Campo da Feira ás 21:30 horas, seguida do concerto de “Eoas” ás 22:30. A medianoite traerá a esperada queimada popular, a fogueira de San Xoán e o “Correfoc – Dimonis”.
A verbena estará amenizada polo grupo “New York” no Campo de Rugby. Ademais, ás 19:00 horas, disputarase a final do XXXIV Torneo de Fútbol Sala.
O día de San Xoán, luns 24, comezará cos pasarrúas da “Banda Municipal de Sarria” e os “Dimonis” de la Plana. Ás 11:30 horas terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello, seguida do repenique de campás ás 11:55 e a misa maior ás 12:00. Despois da procesión, o vermú celebrarase na Sociedade Recreativa La Unión. Pola tarde, os pasarrúas de “Louband”, “Meigas e Trasgos” e “Peleriños” encherán de alegría as rúas, culminando coa festa e a verbena a cargo de “Ocaband” e “Paris de Noia” no Campo de Rugby. Os fogos de artificio ás 00:00 horas porán o broche de ouro á xornada.
As festas concluirán o martes 25 cun vermú na Sociedade Recreativa La Unión ás 13:30 horas. Ás 18:00 horas, na Praza da Vila, celebrarase un festival infantil seguido pola “Hora Máxica” con Roberto Lolo ás 19:30. O concurso de baile terá lugar ás 20:30 e a verbena final será protagonizada por “Los Satélites” no Campo de Rugby a partir das 22:30.•