Novo aparcadoiro para o Polígono do Reboredo

O luns 17 de xuño o proxecto será aprobado en Xunta de Goberno e o martes 18 de xuño sairá a licitación na Plataforma de Contratación do Sector Públicol. Foto GPCM.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou esta semana pasada en rolda de prensa a construción dun novo aparcadoiro no Polígono industrial de O Reboredo. Este proxecto engádese ao conxunto de medidas de impulso, consolidación e crecemento que o seu goberno vén desenvolvendo desde 2015 para garantir que o polígono goce de «moi boa saúde».
A actuación proxectada polo Executivo de José Tomé consistirá na construción dun novo aparcadoiro con capacidade para 17 camións e 64 turismos, incluíndo 2 prazas adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos. O novo aparcadoiro, que se ubicará na marxe esquerda da vía principal do polígono, terá unha superficie total de 6.400 m², triplicando a capacidade do actual.
«Esta actuación é fundamental para mellorar os servizos do polígono, paliando o déficit existente e facendo aínda máis atractivo o noso polígono para a implantación de novas empresas, xerando riqueza e postos de traballo», explicou o Alcalde.

Detalles do novo aparcadoiro
O novo aparcadoiro contará cun pavimento de aglomerado asfáltico na calzada e formigón semipulido na beirarrúa perimetral. As prazas para turismos terán unhas dimensións de 5×2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17×3,50 metros. Ademais, contará cunha serie de dotacións adicionais para mellorar a súa funcionalidade e comodidade:

  • Zonas verdes e árbores: que proporcionarán sombra ás prazas de aparcamento.
  • Fontes de auga potable: instalaranse tres fontes en diferentes puntos do aparcadoiro.
  • Contedores de residuos sólidos urbanos: haberá dúas zonas destinadas a contedores.
    S- istema de drenaxe: para recoller a auga da choiva e evitar acumulacións.
  • Iluminación pública: con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros.
  • Cargadores eléctricos: para alimentar as prazas de aparcamento con cargadores.
  • Telecomunicacións: rede de servizo ás seis cámaras de videovixilancia.
  • Abastecemento: para dar servizo ás fontes instaladas.

EXECUCIÓN DE PROXECTO E ORZAMENTO
O proxecto, que se aprobará o 17 de xuño en Xunta de Goberno, conta cun orzamento de 305.250,57 euros, dos cales 120.000 euros proceden dunha subvención da Consellería de Economía e Industria. O Concello cubrirá o resto do custo, aportando 185.250,57 euros.
Unha vez aprobado o proxecto, sairá a licitación o 18 de xuño e as ofertas poderán presentarse ata o 15 de xullo. O proceso de apertura de sobres terá lugar o 17 e 24 de xullo, e a execución das obras está prevista para comezar despois da sinatura da acta de replanteo, cun prazo estimado de dous meses.

UN POLÍGONO EN CONSTANTE MELLORA
Dende que José Tomé asumiu a Alcaldía en 2015, o Polígono do Reboredo experimentou unha transformación significativa grazas aos investimentos realizados en infraestruturas e servizos. O Alcalde destacou que «o polígono é unha prioridade para o noso goberno, cunha localización estratéxica a 1,5 km da N-120 e da futura autovía A-76, facéndoo atractivo para empresas de fóra do noso ámbito territorial».
Entre 2016 e 2022, investíronse máis de 1,1 millóns de euros en melloras como o pavimento, alumeado, saneamento e comunicacións, así como na reforma da EDAR. Outros proxectos destacados inclúen a construción dunha nova vía de comunicación e a creación do primeiro Viveiro de Empresas industrial na zona.
No futuro, prevese a construción dunha nova depuradora, cun investimento de 4,6 millóns de euros, e a ampliación do polígono, que duplicará a súa superficie, sumando 275.000 metros cadrados adicionais e converténdose nun dos máis grandes do interior de Galicia.

PROXECCIÓN DE FUTURO
O Polígono do Reboredo segue atraendo o interese de novas empresas, grazas á promoción continua do Concello. Entre os novos proxectos destaca a implantación da farmacéutica KernPharma, cun investimento de máis de 60 millóns de euros e a creación de máis de 100 empregos, así como a ampliación das instalacións da empresa láctea Oviganic Ibérica.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Xornada sobre lexislación e axudas ao sector turístico en Chantada

Seguinte Nova

O DéporCampus Cabreiroá volve a Monforte en xullo

Últimas noticias sobre SERVIZOS

Ir aInicio

Don't Miss