Foi o único centro da provincia de Lugo seleccionado pola Xunta de Galicia
O CEIP Virxe do Carme de Sober foi un dos dez centros de Galicia e o único da provincia de Lugo que conseguiu ser seleccionado polas súas destacadas experiencias de voluntariado na Biblioteca Escolar de Primaria. Este recoñecemento vén acompañado dunha asignación de 600 euros, concedida pola Xunta de Galicia, que se destinará ao desenvolvemento dun obradoiro especializado para aqueles alumnos e alumnas que ao longo do curso tiveron un papel protagonista dentro do grupo de voluntarios e voluntarias.
Este programa de voluntariado involucra ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, que dedica parte dos seus recreos a ser biblioaxudantes na biblioteca escolar. Grazas a esta iniciativa, os estudantes non só contribúen ao bo funcionamento da biblioteca, senón que tamén desenvolven valores como a responsabilidade, a solidariedade e a empatía. Os biblioaxudantes encárganse de cumprir e facer cumprir as normas da biblioteca, axudan aos máis pequenos no uso de medios tecnolóxicos, como os escornabots, e median en conflitos que poidan xurdir.
Desde o centro expresaron a súa satisfacción por este recoñecemento, destacando a importancia do programa para o desenvolvemento persoal dos alumnos. “Estamos moi contentos porque este programa lles axuda a ser máis responsables e solidarios, renunciando a parte do seu tempo de lecer en favor dos seus compañeiros”, afirmaron desde a dirección do centro.
O Concello de Sober tamén felicitou ao CEIP Plurilingüe Virxe do Carme por este importante recoñecemento. A temática do Obradoiro será sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, radio como medio de comunicación, elaboración de booktrailers, xogos cooperativos e tradicionais, ou música e danza tradicionais.
Este recoñecemento reflicte o compromiso do CEIP Virxe do Carme de Sober coa educación de calidade e o desenvolvemento integral dos seus alumnos, fortalecendo así a súa implicación no ámbito educativo e social da comunidade.•