O Club Arenas de Monforte celebrou o seu centenario cunha serie de actos que encheron de emoción e lembranzas a cidade monfortina. O evento principal tivo lugar no campo municipal de fútbol Luis Bodegas, onde se disputou un partido homenaxe que reuniu a 130 ex-xogadores do club. Os participantes, distribuídos en dous equipos denominados “Arenas Legends” e “Arenas e Amigos”, loitaron no terreo de xogo coa paixón e entrega que caracterizou ao club ao longo da súa historia.
A xornada comezou ás 11:30 horas coa presenza de numeroso público que se achegou para ver en acción ás figuras que marcaron diferentes épocas do Club Arenas. O ambiente foi festivo e cargado de nostalxia, mentres os xogadores vestían camisetas conmemorativas dos 100 anos do club, uns de negro e outros de amarelo, rendendo así tributo ás cores emblemáticas da entidade.
Antes do inicio do encontro, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, dedicou unhas palabras de agradecemento e recoñecemento ao club e aos seus membros. No seu discurso, Tomé Roca expresou o apoio incondicional do Concello para que o Club Arenas poida reactivarse e volver competir. “Se o Club Arenas volve a competir, contará coa axuda do Concello nas mesmas condicións que o resto de clubs deportivos da cidade”, afirmou o alcalde.
Xunto a Manolo Rodríguez, histórico presidente do club, José Tomé realizou o saque de honra, simbolizando o compromiso e a esperanza de ver renacer ao Arenas no panorama deportivo local.
A xornada non só se limitou ao partido. A Capela de Carude acolleu unha exposición de fotos antigas que permitiu aos asistentes realizar un percorrido visual pola historia do club. As imaxes expostas foron un testemuño gráfico da evolución e dos momentos máis destacados do Club Arenas, evocando recordos inesquecibles para moitos dos presentes.
Posteriormente, unha comida de confraternización reuniu a ex-xogadores, directivos, afeccionados e veciños do barrio de Carude.
Os actos foron organizados por veciños do barrio de Carude, coa colaboración activa do Concello de Monforte.
Esta iniciativa demostrou a implicación e o cariño da comunidade cara ao Club Arenas, un símbolo deportivo e social que deixou unha profunda pegada en Monforte.•