O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, confirmou nunha rolda de prensa os detalles da Visita Oficial do XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, que terá lugar os días 28, 29 e 30 de xuño de 2024.
O proceso para organizar esta visita oficial iniciouse o 27 de setembro de 2023, cando o Alcalde José Tomé Roca, durante un acto no Palacio de Liria en Madrid, convidou verbalmente ao Duque de Alba a visitar Monforte de Lemos, aproveitando a súa vinculación coa cidade como Conde de Lemos. Esta invitación formalizouse por escrito o 30 de novembro de 2023, propoñendo como data a finais da primavera ou comezos do verán de 2024.
O 12 de decembro de 2023, o Duque de Alba aceptou a invitación mediante unha carta na que expresaba a súa ilusión por visitar Monforte, dada a histórica relación da Casa de Alba coa cidade, e anunciou que viría acompañado polos seus fillos. Despois de varios contactos entre a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Secretaría Persoal do Duque, finalmente, o 27 de maio de 2024, confirmouse a visita para os días 28, 29 e 30 de xuño.
A axenda do Duque de Alba en Monforte inclúe varios actos institucionais e culturais, comezando o venres 28 de xuño coa súa chegada en AVE a Ourense ás 18:36 h.
Será trasladado ao Parador de Turismo de Monforte, onde se instalará e ceará en familia.
O sábado 29 de xuño, ás 11:00 h., será recibido na Casa do Concello polo Alcalde e a Corporación municipal.
Posteriormente, asinará no Libro de Honra e manterá unha breve reunión privada co Alcalde. Ás 11:30 h., celebrarase un Pleno Extraordinario da Corporación en Sesión Solemne, onde se lle entregarán os Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo. Entre os atributos destacan o Certificado do acordo do Pleno, un diploma acreditativo, unha Medalla Oficial conmemorativa e unha Insignia Oficial do Concello.
Ás 12:30 h., realizarase unha visita ao Museo das Clarisas, de Arte Sacro e Arte Italiano dos séculos XVI e XVII, seguindo unha das dúas preferencias manifestadas polo Duque, xunto coa visita aos Escolapios. Ás 14:00 h., terá lugar un xantar oficial no Parador de Turismo.
Pola tarde, ás 18:00 h., a comitiva realizará unha visita ao Colexio da Nosa Señora da Antiga-Escolapios, seguida dun paseo polo Casco histórico de Monforte.
A xornada rematará ás 19:30 h., cando o Duque regresará ao Parador.
O domingo 30 de xuño, o Duque e os seus acompañantes viaxarán a Lugo para realizar unha Visita Oficial á Deputación Provincial. Serán recibidos polo Presidente da Deputación, asinarán no Libro de Honra e realizarán unha visita polo Palacio Provincial. Ás 11:30 h., regresarán a Monforte e, ás 12:30 h., visitarán a Adega Algueira para coñecer o proceso de elaboración do viño e participar nunha cata demostración, seguida dun ágape.
A visita oficial concluirá ás 13:30 h., cando o Duque de Alba, partirá cara Ourense para coller o AVE que o trasladará de volta a Madrid.
Unha visita histórica
José Tomé Roca resaltou a importancia desta visita, destacando a histórica relación da Casa de Alba con Monforte como herdeiros dos Condes de Lemos. «Esta visita é moi importante para Monforte, non só pola súa relevancia histórica, senón tamén pola promoción e proxección que traerá para o noso municipio, beneficiando ao comercio, a hostalería e o turismo en xeral», explicou o Alcalde.
Tamén expresou a súa convicción de que «os monfortinos e monfortinas acollerán esta visita con moito cariño e participarán activamente nos actos programados, especialmente no Pleno do Concello e na visita polo Casco Vello.»
A visita do Duque de Alba e Conde de Lemos será, sen dúbida, un acontecemento histórico para Monforte de Lemos, reforzando os lazos culturais e históricos que unen a cidade coa Casa de Alba e contribuíndo a súa promoción e desenvolvemento futuro.
PLENO EXTRAORDINARIO
No Pleno extraordinario celebrado o pasadomércores 12 de xuño ás 18:30 h., acordouse, con 14 votos a favor (PSOE 10 e PP 4) e 2 en contra (BNG 1 e Esperta Monforte 1) o nomeamento oficial ao Duque de Alba como Fillo Adoptivo de Monforte.
OBRAS DE MELLORA DA PISCINA MUNICIPAL
Neste mesmo pleno aprobouse a licitación das obras de mellora da Piscina municipal, un proxecto que contará cun investimento millonario, de 2.047.009,42 €, que se financiará coa colaboración do Consello Superior de Deportes que xa concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo, que aportará, a través dun convenio co Concello, 600.000€, o que supón o 29,3%; e o Concello asumirá 802.126,48€, o que representa o 39,2%.
José Tomé Roca, sinalou que se trata “dunha obra de moita envergadura como é facer unha piscina practicamente nova, deixando solo parte da estrutura”. Unha piscina que terá unha imaxe semellante ao novo Pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno.•