Pantón acolle a XXXV edición das Xornadas da Rota do Románico

O alcalde, José Luis Álvarez; a concelleira de cultura, Cristina Domínguez e a coordinadora da Rota, Flora Enríquez Foto GPCP.

O Concello de Pantón organiza unha nova edición das Xornadas da Rota do Románico, que se desenvolverán entre o 14 de xuño e o 7 de xullo. O salón de actos da casa da cultura e o Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira serán os principais escenarios das diversas conferencias e concertos programados.
A primeira actividade terá lugar este venres, 14 de xuño, ás 20:00h. No salón de actos da casa da cultura, a arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre ofrecerá a conferencia “O románico na paisaxe da Ribeira Sacra”.
O 23 de xuño, ás 19:00h., celebrarase a XII Edición da Sinfonía no Mosteiro. A igrexa do Mosteiro Cisterciense de Ferreira acollerá o concerto do grupo de música medieval Lug’Antiga Ensemble.
O 28 de xuño, ás 20:00h., no salón de actos da casa da cultura de Ferreira, terá lugar a conferencia “As pinturas murais nas igrexas románicas de Pantón: Atán Eiré e Pombeiro”, impartida pola historiadora da arte Berta Varela Rodríguez. Seguiralle o 5 de xullo, á mesma hora e lugar, a conferencia “Os retablos barrocos nas igrexas da Ribeira Sacra: Pantón e Sober”, a cargo de Saleta López Vázquez.
O remate das xornadas será o 7 de xullo, ás 19:00h., co concerto do grupo de corda Aksak Fusión, que combinará música tradicional turca e galega no xardín do Mosteiro Cisterciense de Ferreira.
Ademais, prográmase unha xornada de portas abertas na igrexa de Santo André de Ribeiras de Miño, cuxas obras de restauración no retablo están previstas que finalicen entre finais de xullo e comezos de agosto.
Na presentación da XXXV edición das Xornadas da Rota do Románico de Pantón, o alcalde José Luis Álvarez, a concelleira de cultura Cristina Domínguez e a coordinadora da Rota Flora Enríquez convidaron á participación nas diversas actividades. O alcalde destacou que “xa son 35 anos poñendo en valor o noso patrimonio e os nosos recursos da man do románico”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Adxudicadas as Bolsas Pintor de Castinandi

Seguinte Nova

A Xunta visita as obras da futura residencia de maiores de Pantón

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: