Presentouse a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Terá lugar do 5 ó 7 de xullo no Paseo do Malecón e contará coa participación de 34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 6 edicións que se levan celebrado do certame

Ampliarase o horario de peche do Festival, que pasará das 12 da noite á unha da mañá o venres e o sábado, mentres que o domingo pechará ás 12 da noite. Foto ARQUIVO.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto coa 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, desvelou os detalles do esperado Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que celebrará a súa sexta edición do 5 ao 7 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
«O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte é unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ao viño, o auténtico protagonista do festival», sinalou José Tomé. Destacou o incremento no número de adegas participantes, que alcanza un récord de 34 este ano, o máis alto dende a súa primeira edición en 2017.
«Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe, no Paseo do Malecón», engadiu o Alcalde.
José Tomé tamén enfatizou a importancia deste evento como unha referencia non só na provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia e máis alá das súas fronteiras. «Estou convencido de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte continuará a ser un evento de referencia, non só no sur da provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia, e máis alá das nosas fronteiras, de feito, está en todo o mundo», afirmou.
En canto ao cartel oficial do festival, o Alcalde indicou que este ano se quixo destacar o papel crecente das mulleres no mundo do viño. «Quixemos que a figura feminina fose protagonista do cartel, non só porque as mulleres están cada vez máis implicadas no mundo do viño, senón tamén porque queremos animar a que proben tamén os viños tintos», explicou José Tomé Roca.
O programa inclúe unha ampla variedade de actividades, dende talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra ata masterclass impartidas por expertos enólogos. Como é habitual, haberá música en vivo, con destacadas actuacións como a da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Gin Toni’s e Malenne.
Os asistentes tamén poderán gozar dunha zona gastronómica con produtos locais e participar nas actividades infantís.
Ademais, ofertaranse viñorutas polo Sil e o Miño, ofrecendo unha experiencia única para os amantes do viño e a cultura galega.
Con estas expectativas, a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte promete ser unha cita ineludible para os amantes do viño e os curiosos que desexen descubrir os segredos da Ribeira Sacra.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Alfonso Rueda e Antonio Ameijide destacan o apoio en Galicia e Lugo e critican a xestión de PSOE e BNG

Seguinte Nova

Asoporcel renova os convenios coa Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

Ir aInicio

Don't Miss