A Deputación aproba unha declaración institucional polos dereitos LGTBIQA+

O texto aprobouse por unanimidade, e pretende avanzar na igualdade efectiva para o conxunto do territorio, con independencia da súa identidade ou condición sexual

O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+. Foto ENVATO.

TEXTO ÍNTEGRO. Un ano máis, a Deputación provincial de Lugo quere sumar o seu apoio aos actos de conmemoración e celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+. Cumpre facelo recoñecendo o camiño percorrido dende aquel día de 1969 no que un grupo de persoas decidiron plantar fronte á discriminación que sufrían por motivo da súa orientación sexual.
A sociedade galega e española, como o conxunto das sociedades democráticas occidentais, foi incorporando as demandas do colectivo LGTBIQA+ ás axendas políticas e lexislativas. Avanzamos cara a plena igualdade de dereitos, cara o recoñecemento do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e avanzamos na concienciación da lacra que supoñen os delitos de odio e calquera tipo de violencia – física ou verbal – cara ás persoas do colectivo.
Pero a Historia ensínanos que os avances, dos que temos que estar orgullosos, nin son lineais, nin se poden deixar de defender en ningún momento. A situación das persoas do colectivo LGTBIQA+ non é a mesma nas contornas urbanas que nas rurais, que son as maioritarias na nosa provincia.
Cumpre seguir traballando para que a igualdade sexa efectiva no conxunto do territorio, e que as persoas do colectivo LGTBIQA+ reciban o respaldo específico que precisan.
E mesmo nos contornos urbanos, temos que subliñar a nosa preocupación polo incremento de delitos de odio motivados pola orientación e identidade sexual ou a expresión de xénero. Un fenómeno que está directamente relacionado co ascenso das forzas políticas da extrema dereita que, no noso país como no conxunto de Europa, pretenden enarborar estandartes de odio para ocultar a súa falta de ideas de xestión.
Temos que aprender da nosa historia, que nos lembra con contundencia os destinos de escuridade aos que nos leva o camiño do odio. A violencia machista, a violencia racista e a violencia contra o colectivo LGTBIQA+ son distintas cabezas dun mesmo monstro ante o que non podemos ceder nunca máis.
Dende a Deputación rexeitamos con total contundencia estes comportamentos, e loitamos contra eles. Primeiro apostando pola educación na diversidade e na tolerancia. E axudando ós concellos a desenvolver programas de información e de atención ó colectivo LGTBIQA+. Os concellos teñen que ser o primeiro punto de apoio das persoas do colectivo no rural, escoitando as súas demandas, prestándolles apoio e facilitando os mecanismos para animar a denunciar con total garantía calquera agresión ou comportamento punible. A Deputación vén loitando sempre contra todo tipo de fenda que separe o urbano do rural. Reclamamos os mesmos servizos públicos, reclamamos a mesma cobertura tecnolóxica e, por suposto, reclamamos unha plena igualdade en todo o territorio para todas as persoas, sen distinción de raza, lugar de orixe, relixión, orientación sexual ou expresión de xénero.•

Monforte súmase tamén aos actos do día do Orgullo LGTBI+

O Concello de Monforte súmase aos actos de celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI – Día do Orgullo, que ten lugar hoxe venres 28 de xuño en todo o mundo. O Equipo de Goberno do Concello procedeu a colocar no balcón da Casa Consistorial da bandeira arco iris, símbolo universal da comunidade LGTBI, para conmemorar esta importante data. A bandeira permanecerá pendurada dende ata o luns 1 de xullo, como se veu facendo en anos anteriores.
Con este sinxelo xesto, o Concello de Monforte quere representar o seu firme compromiso pola igualdade, a liberdade e a diversidade, rexeitando calquera forma de discriminación dirixida a persoas pola súa condición sexual. O Alcalde, José Tomé Roca, expresou, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte, “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, promovendo a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.
José Tomé Roca tamén condenou enérxicamente a discriminación ou calquera outra forma de violencia, tanto física como verbal, exercida contra calquera persoa ou colectivo por razóns de orientación ou identidade sexual, ou por calquera outro motivo que supoña un ataque aos dereitos fundamentais e liberdades das persoas. “Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “consideramos fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este”.
O Alcalde rematou sinalando que, “dende o Concello de Monforte queremos promover valores de respecto cara a diversidade de orientación sexual e identidade de xénero, contribuíndo así ao avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGTBI”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Chantada presenta unha ampla programación cultural para o verán 2024

Seguinte Nova

Inaugurada a Casa Museo Genia Trigo en Sober, un espazo dedicado á arte e a cultura

Últimas noticias sobre SOCIEDADE

Ir aInicio

Don't Miss