A Feira de Artesanía e Produtos Lucenses destaca o talento das mulleres rurais

A feira, que impulsa a Deputación xunto a FADEMUR e Unións Agrarias, exhibe os produtos de 15 emprendedoras rurais

José Tomé durante a visita o pasado sábado en Monforte á Feira de Artesanía e Produtos Lucenses. Foto MONTERO.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou o pasado sábado a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses en Monforte. Organizada pola Deputación en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia e Unións Agrarias. Acompañado pola Presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos Arrojo, e o Secretario de UPA Lugo, Miguel Tomé, o Presidente destacou o papel crucial das emprendedoras rurais na dinamización e asentamento da poboación nos municipios.
“Hoxe estamos aquí para visibilizar o talento e a creatividade das mulleres rurais da nosa provincia, que con tanto esforzo e dedicación manteñen vivas as nosas vilas. Estas emprendedoras representan o mellor do noso rural, apostando por produtos de proximidade, sostibles e de alta calidade”, sinalou José Tomé. Ademais, agradeceu a participación das mulleres que lideran os proxectos presentes na feira, subliñando que son un exemplo de como os pequenos emprendementos poden transformar a realidade do rural, creando emprego, fixando poboación e dinamizando a economía local con proxectos innovadores e sostibles.
O Presidente reafirmou o compromiso da Deputación para seguir apoiando estas iniciativas e traballando de man con FADEMUR. “O voso traballo é fundamental para o futuro da nosa provincia e seguiremos traballando para crear as condicións necesarias para que poidades desenvolver os vosos proxectos con éxito”, afirmou.
Verónica Marcos, Presidenta de FADEMUR Galicia, eloxiou a feira como unha ventá aberta que contribúe a visibilizar o talento e a variedade de emprendementos impulsados por mulleres no rural galego. “Presumimos do bo facer lucense”, declarou Marcos, destacando a ampla e diversa iniciativa emprendedora feminina na provincia.
Marcos salientou o apoio a estes proxectos liderados por mulleres, considerando que son de incalculable valor no contexto do autoemprego no rural, onde as cifras de desemprego afectan especialmente ás mulleres. “O traballo diario que facemos desde FADEMUR é clave para fomentar e prestar ás emprendedoras rurais todo o apoio posible”, explicou.
O Secretario de Unións Agrarias, Miguel Tomé, tamén resaltou a importancia destes emprendementos, sinalando que apostan por produtos de proximidade, a sostibilidade e a elaboración artesanal, contribuíndo a fixar poboación e diversificar a oferta laboral no rural galego.
O Presidente da Deputación enmarcou esta feira no programa «E para vivir Lugo», unha iniciativa para afrontar o reto demográfico. Con un orzamento de 300.000 euros, o proxecto contempla 12 liñas de actuación, incluíndo a creación de oficinas para atraer poboación ao rural, atención aos novos residentes e axudas para a diversificación dos cultivos. “Todo isto ten un obxectivo claro: revitalizar o noso rural, facelo atractivo para vivir e traballar, e asegurar que as futuras xeracións teñan un futuro próspero nestes territorios”, destacou José Tomé.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chega a X Edición do Fancine de Lemos

Seguinte Nova

Pleno extraordinario en Monforte para honrar ao Duque de Alba

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: