
Esta semana, celebrouse unha xunta directiva provincial na que participou o Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. A Presidenta Provincial, Elena Candia, explicou que a presenza do titular desta carteira en Lugo non foi casual: ‘quixemos que a primeira xunta directiva, tras presentar aos Conselleiros de Lugo, fose co responsable en Galicia dunha das carteiras prioritarias’. Candia recoñeceu que ‘somos coñecedores de que a dispersión xeográfica, a perda de poboación e a falta de comunicacións que sufrimos, polo abandono do goberno central, fai que Lugo sexa un destino menos atractivo para os profesionais da medicina, e sobre todo para os de atención primaria’. Na reunión abordouse a planificación da Consellería de Sanidade en Lugo, especialmente de cara á cobertura nos centros de atención primaria no verán. O Conselleiro explicou medidas como a activación do Plan de cobertura e reforzos en atención primaria, cun investimento de 12,5 M€, para ofrecer aos galegos unha asistencia de calidade. Os populares lamentaron a falta de cobertura de prazas de médicos polo goberno central, que dificulta a incorporación ao sistema sanitario. O conselleiro anunciou a maior oferta de prazas de formación sanitaria especializada para 2024-2025, con 657 prazas, incluíndo medicina familiar e pediatría. Destacou as inversións en infraestruturas sanitarias como o Centro Integral de Saúde de Lugo e o novo Centro de Saúde no Sagrado Corazón.•