Galicia convértese na única comunidade na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta semana a aprobación polo Consello de Goberno da gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario e ensinanzas artísticas superiores en centros públicos galegos a partir do próximo curso. Esta medida, cumprindo un compromiso adquirido nos primeiros 100 días de goberno, aplicarase tanto para novo ingreso como para a continuidade dos estudos.
Familias cuxos fillos inicien estudos de grao universitario ou ensinanzas artísticas superiores terán a matrícula bonificada, garantindo así a igualdade de oportunidades. Galicia, pioneira na conxelación de taxas universitarias desde hai 13 anos, consolida agora esta política coa gratuidade total das matrículas, unha medida que protexerá aos estudantes ao longo de toda a súa carreira universitaria.
Para os novos estudantes, a bonificación será do 99% da matrícula nas universidades públicas galegas ou nos centros de ensinanzas artísticas superiores, o que significa aboar tan só o 1% do custo, aproximadamente 7,1 euros anuais. Os requisitos inclúen a superación da ABAU ou probas específicas de acceso.
Ademais, o decreto ratifica a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, continuando cunha política que mantén as taxas universitarias de Galicia como as máis accesibles de España. Alfonso Rueda subliñou a importancia de premiar o esforzo do alumnado e fomentar un sistema educativo que valore o mérito e o rendemento académico.
No ámbito das ensinanzas artísticas superiores, os novos estudantes que superen as probas específicas de acceso tamén se beneficiarán da gratuidade da matrícula. A Xunta busca así incentivar o acceso a estas ensinanzas sen cargas económicas para as familias galegas.
Estas medidas, enmarcadas nunha estratexia de apoio ás familias e á educación dende os primeiros anos ata a formación universitaria, reflicten o compromiso do goberno galego coa igualdade de oportunidades e a excelencia educativa.•