A Xunta de Galicia publica novas axudas de ata 12.000 euros para afectados por ELA

O titular do executivo galego, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a visita ao domicilio dun dos doentes diagnosticados con esta enfermidade.
Foto GPXG.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da segunda edición da convocatoria de axudas de ata 12.000 euros destinadas a persoas afectadas por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Durante unha visita ao domicilio dun dos beneficiarios da convocatoria anterior, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, Rueda coñeceu de primeira man as necesidades destes doentes e das súas familias.
Rueda subliñou que, ademais de loitar contra a enfermidade, os afectados deben asumir numerosos gastos para adquirir produtos de apoio, como cadeiras de rodas, adaptar os seus fogares con melloras de accesibilidade, e recibir atención fisioterapéutica e de rehabilitación. “Estas necesidades, que son cada vez maiores, chegan a ser unha preocupación case tan grande como a propia enfermidade”, indicou Rueda.
Foi por isto que a Xunta puxo en marcha o ano pasado unha orde de axudas específica para os afectados, converténdose na primeira comunidade en ofrecer este tipo de apoio. Así, os doentes poden recibir ata 12.000 euros para cubrir estes gastos. “Estas axudas son únicas en toda España e só as concede a Xunta de Galicia”, destacou o presidente.
Na convocatoria do ano pasado, preto de 200 persoas se beneficiaron destas axudas e poderán solicitalas novamente este ano. Ademais, como novidade nesta edición, tamén poderán optar a estas axudas os afectados por Esclerose Lateral Primaria e Amiotrofia Espiral Progresiva.
O Goberno galego reafirma así o seu compromiso de apoiar ás persoas diagnosticadas con ELA. Ademais das axudas, puxo en marcha un proceso clínico para axilizar o diagnóstico e a atención, e estableceu unha vía preferente na valoración de dependencia para que os doentes poidan acceder aos servizos no menor tempo posible. “Estou satisfeito de que poidamos contribuír a facer a vida destes doentes un pouco máis levadeira e espero que outras administracións sigan este exemplo”, concluíu Rueda.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preséntase o programa turístico Descubrir Quiroga

Seguinte Nova

Máis de 300.000 € en axudas para o control da calidade de produtos agroalimentarios

Últimas noticias sobre AXUDAS

A %d blogueros les gusta esto: