A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, anunciou hoxe a aprobación do proxecto de execución dunha glorieta na estrada autonómica LU-903, en Doade, concello de Sober. A iniciativa, cun investimento de preto de 410.000 euros, ten como obxectivo facilitar movementos máis seguros e áxiles na intersección coa estrada provincial LU-P-5903.
O proxecto prevé a construción dunha glorieta coa finalidade de mellorar a circulación e reducir a velocidade na zona, cun diámetro de 28 metros. As obras, que se espera comecen en 2025 tras o proceso de expropiacións e licitación, terán un prazo de execución de aproximadamente seis meses.
Ademais da glorieta, o proxecto inclúe a mellora das beirarrúas existentes e a instalación de gabias transitables de seguridade nos treitos sen beirarrúa. Tamén se realizarán obras de drenaxe e colocación de alumeados públicos con tecnoloxía LED, así como a sinalización completa da nova infraestrutura.
Este investimento en infraestruturas forma parte do compromiso da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para reforzar a seguridade viaria e fomentar unha mobilidade máis sostible.•