O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou a pasada semana en rolda de prensa unha nova e significativa obra dentro do programa de investimentos do equipo de goberno. Segundo explicou o alcalde, «dende que son alcalde, procurei sempre que as melloras afectaran a todos os barrios, a todas as parroquias, a infraestruturas, a zonas verdes, a instalacións deportivas ou de turismo, porque queremos que se beneficien todos os sectores económicos, e polo tanto, queremos mellorar Monforte en todos os aspectos”.
A actuación presentada polo executivo local inclúe unha importante mellora da pista de voo de «As Lamas» e da pista que bordea o campo de voo dende as pistas de exame de conducir ata os hangares, así como a pista que dá acceso ao campo de tiro e á pista do canal. En total, estas obras teñen un custo de 286.108,42 euros, que serán financiados integramente con fondos municipais.
O Alcalde resaltou a importancia do Aeródromo de As Lamas, facendo un repaso da súa evolución ao longo dos anos. Este aeródromo municipal conta con autorización do Ministerio de Transportes dende 2012 como campo de voo para ultralixeiros e avionetas. Utilízase intensamente ao longo do ano, especialmente dende a primavera ata o outono.
Fai aproximadamente 35 anos, este espazo naceu como campo de aeromodelismo. Vinte e dous anos atrás, construíuse a pista de ultralixeiros, e no ano 2012 obtivo a súa autorización oficial como campo de voo. No ano 2015, converteuse no actual Aeródromo de As Lamas, autorizado pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), e foi inaugurado como tal con motivo da Volta Ibérica. Actualmente, está cedido polo Concello ao Club Aerolemos para a súa xestión.
IMPACTO TURÍSTICO
O Aeródromo de As Lamas rexistra entre 300 e 500 operacións ao ano de avionetas de diferentes tamaños. Estas operacións aumentan durante as pontes e fins de semana, pero tamén se manteñen durante a semana, xa que o aeródromo está aberto ao tráfico de forma permanente. Este espazo é un punto de parada para tránsitos procedentes de diferentes lugares de Galicia, como Mazaricos, Santa Comba, Lugo ou Ribadeo, así como doutras rexións de España como Asturias, Castela e León e todo o noroeste da Península, ademais de países como Portugal e Francia.
O aeródromo foi sede da «Volta Aérea Ibérica», que se leva a cabo entre España e Portugal, e tamén de varias edicións dos Encontros da Asociación de Aviación Experimental, reunindo a pilotos e construtores de aeronaves lixeiras de todo o Estado.
José Tomé destacou que o Aeródromo de As Lamas conta cun tráfico aéreo intenso e crecente. Nel aterran e despegan clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, o que ten un impacto positivo no turismo local e na promoción da cidade e comarca. O alcalde tamén subliñou a positiva valoración que fan os pilotos que utilizan este aeródromo.
En primeiro lugar, a situación xeográfica de Monforte é privilexiada, sendo a capital da Ribeira Sacra, un recurso turístico de primeiro nivel. En segundo lugar, o aeródromo está moi preto do casco urbano, permitindo aos visitantes achegarse ao centro da cidade en poucos minutos en taxi ou incluso camiñando durante 20 minutos. «Sen dúbida, isto favorece que elixan a nosa cidade pola cercanía aos seus hoteis, restaurantes e recursos turísticos. Isto converte ao Aeródromo de Monforte en único, xa que o resto de instalacións deste tipo en Galicia, e a maioría das do resto de España, están sempre alonxadas de zonas urbanas, requirindo desprazamentos importantes», destacou José Tomé.
O alcalde engadiu que estas operacións benefician claramente ao sector do taxi e á hostalería local.
Os taxistas benefícianse das viaxes para recoller e levar aos tripulantes ao aeródromo, mentres que a hostalería local recibe a visita de todos estes visitantes que repoñen forzas nos restaurantes da cidade. «Con esta obra, faremos que poidan aterrar e despegar todo o ano, mesmo en época de choivas, cousa que agora non poden cando se encharca. Esta mellora permitirá que nos visiten aínda máis aeronaves durante todo o ano en boas condicións de aterraxe e despegue», concluíu o alcalde.
O equipo de goberno desenvolverá as actuacións necesarias para a mellora da actual pista de herba, que ten unha lonxitude de 705 metros. A pista, cun ancho medio de 13,31 metros, abrangue unha superficie total de 9.385 m² e conta cunha topografía practicamente horizontal.
A pista actual é de terreo natural compactado, pero sen pavimentar.
O proxecto prevé a pavimentación con aglomerado en quente. Para iso, primeiro refinarase e planease a pista, seguido pola colocación dunha base de zahorra, incluíndo a regularización e bacheo nos puntos necesarios. Posteriormente, asfaltase o firme con aglomerado en quente tipo D-12, de 5 cm de espesor. Finalmente, pintaranse as marcas viarias da pista segundo a normativa aérea correspondente.
O orzamento para a mellora da pista do aeródromo é de 187.234,38 euros.
Outro dos proxectos anunciados polo alcalde completará o proxecto anterior, mellorando o camiño municipal de As Lamas, unha pista de servizo que une a estrada de Currelos co campo de tiro, sendo útil para o propio campo de voo, o campo de tiro e os veciños da pista do canal.•