A pasada semana Galicia deu a benvida a case 300 nenos saharauís que forman parte do programa Vacacións en Paz, organizado pola ONG SOGAPS. Dentro deste grupo, 21 nenos desprazáronse a Monforte, que servirá como punto de encontro para todas as familias acolledoras de Lugo centro e Lugo sur.
Durante esta semana, unha comitiva formada por traballadores da ONG, voluntarios e un grupo parlamentario composto por políticos das tres forzas con representación no parlamento galego, estivo nos campamentos de refuxiados de Tinduf, xestionando os trámites burocráticos.
A delegación foi recibida polas autoridades do Polisario, incluído o seu presidente e os gobernadores das diferentes wilayas. Durante a súa estancia, visitaron os campamentos de Smara, Bojador e Laiun.
«Visitando os campamentos nesta época do ano dáste conta da importancia desteprograma para que estes nenos non pasen o verán baixo estas temperaturas inhumanas, que alcanzan os 50°C,» comentou Alberto Pérez, delegado provincial de SOGAPS.
O programa Vacacións en Paz permite que os nenos saharauís poidan gozar dun verán diferente, afastados das duras condicións do deserto e rodeados dun ambiente de paz e acollida. Esta iniciativa tamén fomenta a solidariedade e o entendemento entre as familias galegas e a comunidade saharauí.•