A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial segue a súa andaina, potenciando a participación cidadá como un dos seus piares fundamentais. Tras un primeiro encontro en Sober no pasado mes de marzo, a candidatura convocou unha serie de xuntanzas entre xullo e setembro para dar continuidade á estratexia de participación. Estas reunións permitirán que veciños, veciñas e distintos motores económicos da zona coñezan a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios, queixas ou inquedanzas.
Das cinco xuntanzas convocadas, tres son de carácter veciñal e dúas sectoriais. Terán lugar en Monforte de Lemos, O Saviñao, Chantada, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín.
O primeiro encontro celebrouse o xoves 11 de xullo ás 19:00 horas no local da Fraternal en Monforte de Lemos, dirixido especialmente ao sector vitivinícola. Xosé Gago, responsable de participación da candidatura, sinalou a importancia deste sector no territorio, xa que “os viticultores que traballan as muras están xestionando e conservando esta paisaxe cultural.” A convocatoria contou coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, aínda que foi aberta a calquera viticultor ou adega, pertenza ou non ao Consello, e tamén á veciñanza que quixera achegarse.
Hoxe, venres 12 de xullo, ás 20:00 horas, terá lugar a segunda xuntanza no auditorio municipal do Saviñao. Este encontro pretende reunir aos empresarios do territorio, con especial atención ao sector hostaleiro e turístico. Organizada coa colaboración da Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, a reunión é aberta a calquera empresario ou empresaria, asociado ou non, que desexe participar e coñecer mellor os pormenores da candidatura.
O domingo 14 de xullo, ás 12:00 horas, o auditorio municipal de Chantada acollerá a primeira das tres xuntanzas veciñais programadas. Estes encontros teñen como obxectivo coñecer as inquedanzas da cidadanía e identificar a responsables de asociacións veciñais e persoas que representen as distintas parroquias. Esta base de datos será esencial para a convocatoria do Consello Parroquial que se celebrará en outubro.
As seguintes xuntanzas veciñais terán lugar o 26 de xullo ás 20:00 horas no salón de actos do Castelo en Castro Caldelas, e o 13 de setembro en Nogueira de Ramuín. Estas reunións tamén estarán abertas á participación de calquera persoa interesada, sen necesidade de reserva previa, o que facilita a asistencia por razóns de axenda ou proximidade.
Para facilitar a comunicación e o seguimento do proceso participativo, lanzouse un perfil de Instagram baixo o nome @participa_ribeirasacra. Esta plataforma ofrecerá información actualizada sobre as convocatorias e permitirá un contacto directo coa veciñanza, incluíndo á mocidade e ás persoas que non poidan asistir ás xuntanzas.
Pola súa parte, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa preservación e promoción da Ribeira Sacra, unha paisaxe cultural única que merece o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Con estas iniciativas a candidatura da Ribeira Sacra pretende ser un proxecto colectivo, coas voces e o apoio de todos os que habitan e traballan na comarca.•