A pasada semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as novas axudas para entidades de formación que impartirán cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025. Cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos, aspírase a cualificar unhas 18.000 persoas sen traballo.
A Xunta reforza a formación para o emprego, co principal obxectivo de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo, respondendo así ás vacantes do mercado laboral. Daráse prioridade ás especialidades máis solicitadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego, revisándose e modificándose esta relación de materias formativas consideradas prioritarias, e avaliando a súa empregabilidade.
Entre os perfís máis demandados destacan os vinculados coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, auxiliares de servizos administrativos e xerais, transporte sanitario, actividades auxiliares de almacén ou operacións básicas de cociña, entre outros. Estas especialidades formativas prioritarias considéranse por bisbarra ou a nivel de Galicia, coordinadas co tecido produtivo galego, e baseadas nun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Os apoios autonómicos están dirixidos prioritariamente ás persoas desempregadas, aínda que tamén poderán participar traballadores ocupados ata un 30% das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen emprego.
MÁIS FLEXIBILIDADE PARA O ALUMNADO
A nova convocatoria presenta importantes novidades respecto ao acceso do alumnado aos cursos. Por vez primeira, non se esixirá ter a titulación precisa para un curso de xeito previo, permitindo formarse en paralelo. Isto implica que un alumno sen Bacharelato que desexe estudar un grao C de nivel 3 poderá estudar, á vez, o curso formativo e as competencias claves precisas para obter o certificado profesional.
Ademais, o alumnado poderá estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexiblizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores.
BENEFICIARIOS
Poden ser beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación acreditados ou inscritos para impartir en Galicia as ofertas formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos B e C, e/ou as competencias clave para as cales se soliciten as axudas, xa sexa na modalidade presencial ou virtual. O prazo de solicitude das achegas arranca mañá e prolongarase ata o próximo 9 de agosto.•