A Xunta de Galicia vén de anunciar a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a apertura da convocatoria de axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, cunha dotación total de 4,15 millóns de euros. Estas achegas están destinadas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar a adquisición de todo tipo de maquinaria de uso común. O obxectivo é reducir os custos de produción ou incrementar a produtividade das explotacións.
Ademais da maquinaria, tamén serán financiables os estudos técnico-económicos de viabilidade das operacións, o que permite unha planificación máis eficiente e sostible das inversións no sector agropecuario. Esta liña de axudas busca, entre outros obxectivos, promover o uso da maquinaria e equipamentos en réxime asociativo, fomentar a introdución de novas tecnoloxías, racionalizar os custos de mecanización, incrementar a seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.
Esta convocatoria compleméntase coa orde destinada a instalacións e equipamentos en común, ofrecendo un apoio integral ás cooperativas e SATs para a mellora das súas infraestruturas.
Desde o ano 2016, a Consellería do Medio Rural promove estas axudas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, convocándoas anualmente. Ata o de agora, a suma total destinada a estas achegas ascende a 28,22 millóns de euros. Durante este período, a provincia da Coruña liderou a recepción de axudas, concentrando a metade dos expedientes e investimentos. Séguena Pontevedra e Lugo, con case o 25% cada unha, mentres que Ourense rexistrou un menor número de solicitudes.
Os tipos de maquinaria agrícola máis demandados polos beneficiarios destas axudas inclúen carros mesturadores, angazos, tractores e segadoras, reflectindo as necesidades específicas das explotacións galegas.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de xullo.•