A apertura do polo de Sarria responde a uns dos compromisos adquiridos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos primeiros 100 días desta Lexislatura
A Xunta de Galicia vén de inaugurar o novo Polo de Emprendemento e de Apoio ao Emprego en Sarria, marcando así a apertura do décimo cuarto centro desta rede en Galicia e o quinto na provincia de Lugo. O acto contou coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño e co Alcalde de Sarria Claudio Garrido. Este novo polo ofrece apoio e asesoramento gratuíto a calquera persoa que desexe emprender un negocio ou consolidar o que xa ten en funcionamento.
José González puxo en valor esta iniciativa autonómica, destacando que a rede, posta en marcha en xullo de 2022, xa ten 14 polos activos que prestaron asesoramento a máis de 2.000 proxectos empresariais en diferentes fases de desenvolvemento. Ademais, anunciou que a rede continuará a expandirse cun novo laboratorio en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra.
A apertura do polo de Sarria responde a un compromiso adquirido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos primeiros 100 días da súa lexislatura. O obxectivo é proporcionar formación e información ás persoas emprendedoras, fomentando así a creación de emprego de calidade en Galicia, especialmente nas áreas rurais. A rede de emprendemento pretende dinamizar a economía local e promover a iniciativa emprendedora en toda a comunidade galega. González destacou que o propósito da Xunta é crear un ecosistema de apoio aos emprendedores, co foco nos polos situados tanto en áreas rurais como nas cabeceiras comarcais, como é o caso de Sarria.
O conselleiro subliñou a importancia das políticas de apoio ao emprendemento para o desenvolvemento económico e social de Galicia. Destacou que é fundamental explorar e aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas dispostas a emprender.
En relación á provincia de Lugo, González informou que os polos en funcionamento na provincia (Friol, A Fonsagrada, Mondoñedo e Monforte de Lemos) atenderon preto de 500 proxectos nos últimos dous anos.
Entre os sectores máis destacados están a hostalería (23%), a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (12%), e o comercio (11%). Ademais, preto do 60% das persoas emprendedoras asesoradas son mulleres, o que, segundo o conselleiro, demostra o talento feminino presente en Galicia.
José González tamén destacou o traballo da rede de emprendemento en ofrecer apoio tanto a galegos como a persoas de fóra que queiran asentarse en Galicia. Aproximadamente o 20% das persoas atendidas por toda a rede ata o momento proceden do estranxeiro. Ademais, a rede presta asesoramento especializado aos emigrantes galegos que desexen retornar cunha idea empresarial, favorecendo o retorno a través da Estratexia Retorna e o programa Retorno Cualifica Emprego.•