O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, en colaboración cos concellos da comarca, anuncia a continuidade do exitoso servizo de autobuses lanzadeira, implementado de xeito piloto no verán de 2023 e durante a pasada Semana Santa. Esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, busca promover un turismo máis sustentable e accesible na rexión.
Dende o mércores 17 de xullo ata o sábado 31 de agosto, estarán dispoñibles os servizos de autobús lanzadeira que conectarán Castro Caldelas co embarcadoiro de Abeleda e Monforte de Lemos co embarcadoiro de Ponte do Sil. Estes autobuses permitirán aos visitantes desprazarse de maneira cómoda e sen custo adicional, facilitando o acceso ás principais zonas turísticas da Ribeira Sacra.
Ademais, a partir do venres 19 de xullo, habilitarase un servizo de lanzadeira á Praia da Cova dende Escairón. Este servizo estará dispoñible os venres, sábados, domingos e festivos ata o 8 de setembro, respondendo así aos datos de afluencia recollidos nas probas realizadas en 2022.
A posta en marcha deste servizo busca reducir a congestión de tráfico e mellorar a experiencia dos turistas durante os días de maior afluencia.
Estes servizos serán gratuítos para todos os usuarios, xa que forman parte do proxecto de sustentabilidade turística, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e as Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense.
Para facilitar a organización e garantir a dispoñibilidade, habilitarase a reserva previa dos autobuses a través da web do Consorcio dende o luns 8 de xullo.
O Concello de Parada de Sil xa ten operativo o servizo de traslado ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.
As reservas para este servizo pódense realizar tamén a través da web do Consorcio. Pola súa banda, o Concello de Nogueira anunciará nos próximos días os detalles do servizo de lanzadeira que facilitará o acceso ao Mosteiro de Santo Estevo. Ambos servizos foron inicialmente implementados polo Consorcio de Turismo e agora a súa xestión recae nos respectivos entes municipais.
A aposta por estes servizos é un exemplo de colaboración institucional e de planificación para preservar o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra.•
Últimas noticias sobre TURISMO
Turismo de Galicia reforza a súa estratexia de promoción dos itinerarios xacobeos menos transitados co obxectivo
O Courel consolídase como destino turístico coa inauguración do Centro de Interpretación e sede da colección
O pasado domingo celebrouse en Pantón unha xornada micolóxica, nun marco perfecto coa beleza outonal da
O Concello de Sober é escenario de dous novos proxectos financiados a través do programa Leader,
A combinación de bo clima e eventos destacados como o Castañazo Rock impulsa o turismo no