Postos da feira e restaurantes despacharon máis de 800 quilos de polbo
O 14 de xullo, tivo lugar unha exitosa edición da Feira Outrora de Rubián, que vén de cumprir 20 anos aportando ao sur de Lugo unha cita coa historia das feiras tradicionais galegas. Desta volta, a alta afluencia de público quedou rexistrada nas máis de 2.400 racións de polbo vendidas nos postos da feira e nos restaurantes da localidade.
ARIAS: «A PARTICIPACIÓN FOI A MÁIS ELEVADA DOS ÚLTIMOS ANOS»
As dúas décadas que xa suma a Feira Outrora de Rubián non só se notaron nos máis de 800 quilos de polbo consumidos, senón tamén no amplo programa de actos organizado polo Concello de Bóveda. Segundo explicou o alcalde, José Manuel Arias, o balance desta vixésima edición “non pode ser máis positivo». O rexedor local apuntou que «coincidiu a Feira Outrora cunha das feiras mensuais e ademais foi en domingo, o que axudou a que a participación fora a máis elevada dos últimos anos”. Esta edición contou con máis de 35 postos de artesáns, unha exhibición de motoserra a cargo de Eugenio Linares e diversos obradoiros da Fundación Artesanía de Galicia. A xornada integrou unha concentración de vehículos clásicos e unha sesión de xogos tradicionais interxeracionais para os máis cativos, así como a concorrida festa da escuma. Non faltou a recreación etnográfica da malla e a degustación do isco no guizo. A xornada estivo amenizada polo Grupo de Gaitas Municipal de Bóveda, ‘Amigos da Pandeireta’ de Monforte, o Coro Municipal de Bóveda e a actuación final de DJ’Vizcaíno. •