Ata 26.250 € por cada muller contratada con carácter indefinido en sectores masculinizados

Con esta convocatoria dase cumprimento ao recollido na Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia e prevese beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas. Foto GPXG.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que, neste 2024, busca fomentar a contratación de mulleres en ocupacións tradicionalmente masculinizadas. Esta iniciativa, que tamén promoverá a adaptación dos espazos de traballo para favorecer a igualdade, conta cun orzamento inicial de preto de 1,7 millóns de euros, ampliable segundo as necesidades.
Trátase da primeira vez que se implementa esta medida, dando cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, aprobada a finais do ano pasado. A orde de achegas forma parte dos compromisos para os primeiros 100 días de lexislatura do presidente Alfonso Rueda. O obxectivo principal é incrementar a presenza feminina en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como a información e comunicación, así como en actividades profesionais científicas e técnicas. Tamén se pretende atraer e reter talento, reducir a fenda salarial de xénero, incrementar a renda das mulleres e promover a súa promoción profesional.
A través desta iniciativa, espérase beneficiar a unhas 75 mulleres desempregadas, que serán contratadas en sectores como a enxeñaría en construción e obra civil, enxeñarías relacionadas co deseño, investigación e desenvolvemento, análise e deseño de software, e en ocupacións técnicas nas ciencias físicas, químicas e ambientais. Outros ámbitos incluídos son a loxística, transporte de pasaxeiros e mercadorías, e a mecánica e reparación de equipamentos electrónicos, entre outros.
As entidades beneficiarias desta orde de achegas serán empregadores e empresas, independentemente da súa forma xurídica, que contraten mulleres en ocupacións masculinizadas para traballar en centros radicados en Galicia. A convocatoria conta con dúas liñas de axuda: a primeira, para fomentar a contratación indefinida de mulleres desempregadas en ocupacións con infrarrepresentación feminina, cunha contía base de 15.000 euros para contratos a tempo completo e 7.500 euros para contratos a tempo parcial ou fixos-discontinuos. Estas cantidades poderán incrementarse nun 15% en casos específicos, como centros de traballo en concellos rurais, mulleres con discapacidade, maiores de 45 anos, retornadas ou estranxeiras, ou persoas trans, podendo alcanzar ata 26.250 euros por persoa contratada.
A segunda liña de axudas está destinada a promover a adaptación dos espazos ou postos de traballo, mediante obras en aseos, vestiarios ou espazos para menores, realizadas e pagadas ata o 20 de outubro de 2024. O importe máximo da axuda será de 10.000 euros.
En total, a axuda máxima posible para unha empresa beneficiaria podería ascender a 36.250 euros por persoa contratada e pola adaptación do espazo. O prazo de solicitude das achegas estará aberto ata o 30 de setembro.
Con esta orde, Galicia amosa o seu compromiso coa igualdade de xénero no ámbito laboral, un paso máis cara a unha sociedade máis xusta e equitativa. Búscase, non só reducir a fenda de xénero, senón tamén potenciar o talento feminino en sectores clave para a economía.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Comezan as obras do novo laboratorio e da área de cardioloxía no Hospital de Monforte

Seguinte Nova

Monforte aproba 8.000€ en axudas para entidades de servizos sociais

Últimas noticias sobre AXUDAS

Ir aInicio

Don't Miss