O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou recentemente que a pregoeira das Festas Patronais de 2024 será Isabel Pardo de Vera, unha destacada figura no ámbito das infraestruturas. Tomé subliñou a importancia de Pardo de Vera para a cidade e para a provincia de Lugo, especialmente pola súa intervención decisiva na modernización do corredor ferroviario que une Lugo e Ourense a través de Monforte.
Segundo Tomé, a elección de Pardo de Vera como pregoeira responde ao seu papel fundamental na captación de 550 millóns de euros para o ADIF, destinados a mellorar o ferrocarril na provincia. “Esta é a maior inversión ferroviaria na historia da provincia de Lugo”, explicou o Alcalde, detallando que as obras incluirán a electrificación do trazado, a renovación das vías, a implantación de novas instalacións de seguridade e control de tráfico, así como a modernización de estacións como a de Monforte e a construción dun novo túnel en Oural. A electrificación permitirá que os trens circulen a velocidades de ata 240 km/h, reducindo significativamente os tempos de viaxe e mellorando a competitividade do ferrocarril.
Tomé destacou tamén o impacto ambiental positivo desta modernización e a importancia de que Pardo de Vera participase activamente na consecución desta inversión histórica, “revolucionando a forma en que Lugo está conectado coa resta de Galicia e España”. O Alcalde tamén recordou o papel de Pardo de Vera na negociación do novo Convenio de 7,5 millóns de euros para a variante urbana da N-120, un proxecto que se demorou durante case 30 anos e que agora verá a luz grazas ao seu empeño.
Isabel Pardo de Vera, enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, ten unha longa traxectoria profesional no sector das infraestruturas. Comezou a súa carreira na xestión de proxectos de alto impacto e, entre os anos 2018 e 2021, desempeñou o cargo de Presidenta de ADIF e ADIF Alta Velocidade. Na súa etapa como Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2021-2023), continuou a súa labor en prol do progreso das infraestruturas e do transporte en España.
Ademais dos seus logros profesionais, Pardo de Vera ten recibido numerosos recoñecementos, como a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo en 2022 e o Premio Monforte al Ferrocarril.Na actualidade, é consultora autónoma en proxectos estratéxicos. Docente en materia de Urbanismo e Mobilidade Sostible. Docente homologada na Escola de Organización Industrial (EOI) nas materias seguintes: Entorno Económico, Transporte, Xestión e Organización de Empresas, Gobernanza e Sector Público, Responsabilidade Social Corporativa e Ética empresarial.
A elección de Isabel Pardo de Vera como pregoeira das Festas Patronais non estivo exenta de polémica, e tivo resposta dos grupos da oposición.•