Alfonso Rueda e José Tomé acordan impulsar a colaboración en infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e turismo
O pasado 17 de xullo, tivo lugar unha importante reunión de traballo na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, de cara a normalizar as relacións institucionais, entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, na que participaron os Presidentes de ambas institucións, Alfonso Rueda e José Tomé Roca, acompañados polo Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a voceira socialista na Deputación Pilar García Porto. O encontro, descrito por Tomé como “cordial e positivo”, serviu para tratar unha ampla gama de asuntos de interese para a provincia.
Durante a reunión, José Tomé presentou un decálogo de medidas clave para Lugo. Entre as cuestións destacadas, solicitou a creación de grupos de traballo para abordar a transferencia de infraestruturas viarias, especialmente en relación á Ronda Leste e á estrada do Courel (LU-651). Tomé propoñeu que a Ronda Leste sexa declarada de interese supramunicipal e suxeriu un trazado alternativo para evitar impacto ambiental. Tamén urxiu a reparación integral da LU-651, asegurando que o Presidente da Xunta se comprometeu a licitar as obras este ano.
Outros temas abordados incluíron a reactivación da VAC Costa Norte, especialmente a variante de Viveiro, e a importancia de desdobrar a autovía Nadela-Monforte, cuestión que Rueda tamén comprometeuse a considerar.
Na área de sanidade, Tomé Roca destacou a carencia de persoal en atención primaria e a necesidade de mellorar os servizos, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar, onde se acordou un aumento na contribución da Xunta.
No tocante ao Campus Terra, Tomé propuxo modificar o decreto de 2011 que limita o número de alumnos por estudo. Rueda comprometeuse a revisar esta situación con base nas necesidades da provincia.
Finalmente, Tomé Roca expuxo a necesidade de desenvolver un Plan Industrial para Galicia e solicitou desbloquear a conexión do Porto Seco coa N-120. Ambos mandatarios tamén acordaron analizar o financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo e discutir a distribución do canon da auga para asegurar que se reinveste nunha porcentaxe significativa nos concellos.
Este encontro supón un paso importante para abordar as necesidades e prioridades da provincia de Lugo, establecendo compromisos clave para o desenvolvemento e mellora das infraestruturas e servizos na provincia de Lugo.
Alfonso Rueda, que valorou positivamente a reunión, cualificou o encontro de “construtivo e operativo”
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, valorou positivamente a reunión mantida co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca. Rueda cualificou o encontro de “construtivo e operativo”, destacando o progreso en múltiples temas de interese para a provincia. Un dos puntos máis salientables da reunión foi o compromiso de impulsar as conexións e infraestruturas na provincia. Rueda fixo un chamamento á colaboración entre as administracións para mellorar as conexións viarias, destacando a importancia de avanzar nos proxectos da Autovía da Mariña (A-74), a Ourense-Ponferrada (A-76) e a Lugo-Ourense (A-56). O presidente da Xunta propuxo a creación dun grupo de traballo para analizar a transferencia de estradas entre as administracións, co obxectivo de garantir que as infraestruturas traspasadas se mantengan en óptimas condicións.
En relación á estrada LU-651, Rueda anunciou que se licitarán as obras para restituír o tramo afectado polo derrube da explotación mineira no primeiro trimestre do próximo ano. Tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa Ronda Leste de Lugo, cun investimento previsto de 20 millóns de euros
No ámbito dos servizos sociais, Rueda manifestou a súa conciencia sobre o aumento da demanda e do custo asociado ao Servizo de Axuda no Fogar. O presidente comprometeuse a incrementar a aportación da Xunta, lembrando que, a pesar dos esforzos, a aportación do Goberno central non cumpre coa Lei de Dependencia. Rueda solicitou a Tomé Roca que transmita ao Goberno central a necesidade de cumprir a lei e saldar a débeda histórica acumulada.
En canto ao turismo, invitou á Deputación a participar no financiamento dun proxecto de mobilidade sostible na Ribeira Sacra, que implicaría unha achega significativa da Xunta para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.•